A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou dende Cedeira a retirada dos denominados Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) para defender o sector pesqueiro e marisqueiro da eólica mariña, cuxo desenvolvemento, tendo en conta as características da plataforma marítima galega, “é incompatible co mantemento da actividade económica vinculada co mar”, advertiu.
“Neste momento hai que escoller: ou se defenden os 31.000 empregos que dependen directamente do sector do mar ou se defende que as eléctricas sigan gañando miles de millóns de euros a costa de que a xente do mar non poida seguir traballando e tamén cun impacto medioambiental moi grande no noso territorio”, recalcou logo dunha reunión coa Confraría de Pescadores e Mariscadoras de Cedeira, un dos concellos máis afectados por proxectos eólicos mariños.
A líder nacionalista denunciou deste xeito a preocupante intención de que Galiza “sexa un territorio de sacrifico” para incrementar os beneficios das eléctricas, mesmo a costa dun sector estratéxico para o País como é o da pesca e o marisqueo.
“No BNG témolo moi claro, se hai que escoller entre as eléctricas ou a xente do mar, nos imos seguir defendendo que os nosos mariñeiros e mariñeiras teñan dereito a seguir vivindo do seu traballo porque iso é o que está en xogo neste momento”, advertiu logo de lembrar que o sector mar-industria supón no seu conxunto o 5% do PIB.
Neste sentido, considerou que non se pode permitir que case a metade da eólica mariña que hai prevista no Estado se instale nas costas galegas “xusto enriba dos principais caladoiros nos que pescan cada día miles de persoas que se dedican a esta actividade” e avogou por defender a un sector que estrutura a economía e que fai que vilas como Cedeira poidan seguir tendo futuro.
“Non podemos sacrificar todo iso única e exclusivamente pola rapiña das eléctricas”, incidiu, para exemplificar a continuación o efecto devastador que tería a instalación de eólica mariña en Galiza na propia Cedeira, un dos concellos máis afectados en Ferrolterra, onde están previstos tres parques dos que tan só un, o denominado Nordés e que é o que está máis avanzado, ocuparía 268 quilómetros de medio mariño con 80 aeroxeneradores de 261 metros de altura.
“Isto tería un impacto brutal que vai supoñer a desaparición da pesca e non queremos que ese sexa o futuro do noso País”, indicou para avogar por un desenvolvemento das enerxías renovables que non impliquen “sacrificar outros sectores” que son importantes para a economía galega.
Nesta liña, criticou o deseño que defenden tanto o PP como o PSOE e que, recalcou, “significa expulsar do mar” a todas as persoas que neste momento están pescando en Galiza, “única e exclusivamente para seguir beneficiando ao lobby eléctrico”.
De aí que insistira na necesidade de retirar o POEM que, ademais, non ten “informes económicos e ambientais que certifiquen que non eses plans non van afectar á actividade pesqueira”, advertiu. “Hai que facer as cousas ben e iso significa que hai que ter estudos que demostren que non vai afectar ao sector pesqueiro, porque hai que aplicar ese principio de precaución e, polo tanto, o máis sensato neste momento é que se retire o POEM e que se defenda un sector tan importante na nosa economía como é o sector de todo que ten que ver coas actividades derivadas do mar”, concluíu.
Encontro coa ANPA do CEIP Nicolás del Río
Pontón tamén aproveitou a súa visita a Cedeira para manter un encontro con pais e nais do alumnado do CEIP Nicolás del Río e coñecer de primeira man os problemas que ten este centro educativo que soporta graves deficiencias e importantes danos estruturais.
“Pregúntome se o presidente da Xunta tivera un despacho con pingueiras e con humidades, se faría unha reforma estrutural ou non”, denunciou, para anunciar a continuación que o BNG defenderá no Parlamento dúas propostas concretas para mellorar a atención educativa dos nenos e nenas de Cedeira.
A primeira, e no curto prazo, corrixir todas as deficiencias do CEIP Nicolás del Río cunha reforma estrutural, a través duna emenda aos orzamentos da Xunta de 2025 para que o Goberno do PP inclúa a partida necesaria. E, a segunda, e no medio prazo, a construción dun novo centro educativo en Cedeira, algo que se puña enriba da mesa como unha necesidade xa en 2004.
“Vinte anos despois esa necesidade é moito maior, polo que non só imos reclamar que se reparen as deficiencias do CEIP Nicolás del Río, senón tamén que se inicien os trámites para que Cedeira conte con ese centro que merece e que lle dea unha educación de calidade aos nenas e nenas porque é o mellor investimento que podemos facer como sociedade”, concluíu.