Europeas 2024

Ana Pontón pide a mobilización masiva da mocidade rebelde para conseguir un escano galego e construír unha Europa social

Acto mocidade
Acto mocidade

Miranda usou unha maleta para simbolizar a emigración da xente moza e para explicar todas as causas xustas que o BNG defende na Eurocámara

A portavoz nacional, Ana Pontón, e cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, participaron na Coruña nun acto coa mocidade á que a líder do BNG apelou pedindo unha mobilización masiva para conseguir un escano galego, un escano de País da man do Bloque que permitirá defender os intereses de Galiza e, ao mesmo tempo, defender unha Europa social na que teñan futuro. “Somos a candidatura da mocidade rebelde e inconformista”, proclamou.

“Pídolle á xente moza que se mobilice, que participe masivamente nas urnas para darlle voz propia a Galiza e a favor dunha Europa social, xusta, que loite pola paz, unha Europa dos pobos. Para a toda a mocidade rebelde e incorformista deste País, a súa candidatura é a do BNG, porque imos pelexar polo seu dereito a vivir e traballar en Galiza e imos por unha Europa para a xente e non para os lobbies”, salientou no acto na coruñesa Praza da Fariña.

Acto mocidade
Acto mocidade

Neste sentido, Pontón apelou á mobilización da mocidade para conseguir un escano galego da man do BNG, “sabendo que nos vós imos fallar, sabendo que con ese escano de País Galiza terá unha voz propia e libre, pero sabendo tamén que esa mesma voz vai servir para defender todas as causas xustas e para construír unha Europa mellor”.

Unha Europa que escoite á xente moza; que plante cara ao militarismo, “menos gasto en armamento e máis gasto en sanidade, en educación, en ciencia, na loita contra o cambio climático”, subliñou, destacando que o Bloque Nacionalista Galego defende unha Europa democrática, “fronte ós discursos do odio, xenófobos e racistas”; unha Europa social, xusta e libre, “na que se respecten todas as maneiras de sentir e de amar”; e unha Europa solidaria de portas abertas “que non levante muros, nin poña concertinas, senón que acolla a quen escapa da miseria ou das guerras”.

“Esa é a Europa que queremos axudar a construír co escano galego”, subliñou a portavoz nacional, consciente do desencanto que pode sentir a xente moza coa política, nun contexto marcado pola crispación, a mentira e o bulo impulsados pola extrema dereita e por unha dereita do PP “cada vez máis ultra”.

Ante esta situación, recalcou, “quedarse na casa non é unha opción, porque senón participades perdedes vós, os mozos e mozas deste País, e gana a banca, as multinacionais, os fondos voitre, os lobbies, ganan as forzas reaccionarias que os representan e ganan eses poderes que impoñen recortes e austeridade coas consecuencias que coñecedes ben: precariedade, baixos salarios, emigración, imposibilidade de acceder a unha vivenda”, consecuencias ás que Pontón engadiu os recortes nos servizos públicos, nos dereitos laborais e nas prestación sociais.

Acto mocidade
Acto mocidade

“Podemos construír outra Europa, pero para iso é imprescindible a movilización da xente nova e por iso pídolle a toda a mocidade galega que se active, que se implique e que exprese masivamente nas urnas a súa rebeldía, o seu inconformismo para darlle a Galiza voz propia e para poñer en marcha unha Europa social, a favor das maiorías e de todas as causas xustas”, concluíu.

Paz, antimilitarismo, xustiza social

Pola súa parte a candidata Ana Miranda utilizou unha maleta para simbolizar a emigración de miles de mozos e mozas por falta de oportunidades no País e tamén unha maleta cargada de “causas xustas” para simbolizar a Europa que defende o BNG, destacando que a política é a ferramenta para transformar en positivo: “Eu son do BNG e represento a unha organización que defende os dereitos humanos, a paz e o antimilitarismo”, empezou citando.

Entre as causas xustas citadas por Miranda, a loita polos dereitos humanos, contra o racismo, pola igualdade, a favor do feminismo a través da forza das mulleres; o respecto ás distintas formas de ser e de sentir, o antifascismo, a defensa de Galiza como nación en Europa, advertindo que hai que movilizarse porque “a revolución non sae nas televisións, tampouco na televisión pública galega manipulada polo Partido Popular”, denunciou.

Na súa simbólica posta en escena, Miranda tamén destacou a defensa da lingua e da cultura que, ademais, son antídoto contra a ignorancia e contra o avance do discurso reaccionario. E na cidade na que asasinaron a Samuel, lembrou, a candidata do Bloque tamén quixo destacar como causas xustas a defender en Europa a liberdade sexual combatendo a LGTBfobía e todas as formas de intolerancia.

“Non se pode permitir unha Europa fortaleza con campos de refuxiados, senón de portas abertas ás persoas refuxiadas”, reclamou, destacando a defensa do BNG dos dereitos do pobo palestino mesmo formando parte a propia candidata da flotilla que foi expulsada polo estado sionista de Israel. Neste sentido, criticou que forzas que se presentan o 9X ás eleccións non foron nin capaces de refrendar un minuto de silencio de condena do xenocidio en Gaza.

Miranda rematou reclamando o apoio da mocidade para que Galiza sega a ter unha voz propia en Europa aínda con máis forza, porque en Bruxelas se toman decisións que impactan de cheo na vida dos galegos e das galegas “e a única maneira de que se escoiten a nosa voz é co escano de País que representa o Bloque Nacionalista Galego”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG