europeas 2024

Ana Pontón pide unha mobilización masiva o 9X de toda a cidadanía que quere que Galiza conte e unha Europa social e pola paz

Ana Pontón
Ana Pontón
Miranda defenderá en Bruxelas unha transición enerxética xusta e máis fondos para a comarca de Vigo como territorio dependente da automoción

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a todos os galegos e as galegas a mobilizarse masivamente na cita coas urnas do 9 de xuño para darlle a Galiza un escano de país en Europa da man do BNG, e que a súa voz sexa escoitada con forza en Bruxelas para defender os intereses do País, da súa xente o dos sectores produtivos. Un escano que vale dobre porque, destacou, contribuirá tamén a construír unha Europa social e da paz que poña o foco nas persoas.

“O BNG é a candidatura que vai dar a cara pola xente deste País, que vai defender que se poña fin ás discriminacións que sufrimos os galegos e as galegas, porque non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos”, proclamou Pontón, quen remarcou ademais que “na papeleta do Bloque collen todas persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón".

Ana Miranda
Ana Miranda

Da man de Ana Miranda e co apoio da xente do País, o BNG será a voz en Bruxelas que vele polos intereses de Galiza -salientou Pontón- fronte ás forzas estatais “que queren facer destas eleccións o campo de batalla das súas liortas madrileñas porque no fondo queren tapar a súa responsabilidade en moitas das políticas impulsadas dende a UE que foron contrarias aos intereses dos galegos e as galegas”.

Pontón e Miranda fixeron esta chamada á participación e a votar ao “equipo da casa” en Vigo, coa factoría de Stellantis de fondo, escenario que elixiron para poñer de relevancia o moito que se xoga Galiza este domingo tamén en materia industrial, nun momento no que se están a distribuír os fondos para a recuperación económica e no que Galiza non está a ser xustamente tratada, denunciaron.

É por iso que o BNG, tal e como destacou Pontón, vai usar a forza que a cidadanía lle dea o 9-X para exixir en Bruxelas que Galiza reciba os fondos Next Generation que lle corresponden, poñendo fin á “discriminación” que sofre agora, que apenas recibe “migallas” dos 33.000 millóns de euros que o Estado destina só a PERTEs industriais,   “Precisamos unha industria forte, competitiva, capaz de xerar riqueza e emprego”, apuntou, para subliñar a necesidade de dar impulso a un sector en Galiza nos quince anos últimos anos ata 27.000 postos de traballo, 7.400 deles só na comarca de Vigo.

Na mesma idea incidiu Ana Miranda, que se referiu a Vigo como unha das cidades nas que máis efecto teñen as políticas europeas, tal e como se viviu durante a reconversión ou agora no sector da automoción debido a crisis de subministros, o aumento dos prezos das materias primas a inflación e a crise enerxética.

Miranda subliñou o traballo feito polo Bloque no Parlamento Europeo en defensa dunha transición enerxética xusta e para que Vigo conte con máis fondos europeos como territorio altamente dependente da automoción, dúas cuestións que seguirán formando parte da axenda galega nas institucións comunitarias, avanzou logo de destacar que a automoción representa en torno ao 13 % do PIB galego e da emprego a unhas 23.000 persoas.   

“Levarei a voz de Vigo ao Parlamento Europeo para fortalecer o sector industrial e que se manteñan os postos de traballo”, asegurou a candidata do BNG que, como xa fixo presentando iniciativas en Bruxelas, defendeu a necesidade de reforzar a actividade industrial nos territorios afectados pola transición ecolóxica, blindando o futuro da planta de Stellantis ou a promoción dunha nova fábrica de baterías para Vigo.

Vigo
Vigo

Destacou, neste punto, a defensa que fai o BNG da necesidade de reforzar a actividade industrial nos territorios afectados pola transición ecolóxica e enerxética, para que estas instalacións, dixo, permanezan no territorio e que se conte con toda a cadea de subministro na produción.

Si as enerxías limpas pero sen poñer en risco a pesca

Ana Pontón detallou algunhas outras prioridades do Bloque en Europa no que ten que ver coa defensa do sector industrial, referíndose así ao impulso do Corredor Atlántico e unhas conexións ferroviarias do século XXI co país veciño, que pasan pola alta velocidade entre Vigo-Porto-Lisboa.

En relación ao modelo enerxético, outra das patas da política industrial, a portavoz nacional garantiu que o Bloque centrará os seus esforzos en conseguir que a riqueza dos País se poña a favor da nosa industria e dos nosos sectores produtivos, “e non a favor dunha presa de multinacionais a través do espolio eólico”.

“Damos un rotundo si ás enerxías limpas, pero desde un deseño que non poña en risco o futuro da pesca”, precisou, para a continuación avanzar que o “escano do País” que representa o BNG seguirá a reclamar en Europa unha Galiza libre de eólica mariña, “porque suporía un golpe de morte para o sector pesqueiro” , coas repercusións que iso tería tamén para Vigo, onde está o maior porto de pesca fresca de toda Europa.

“Para defender os nosos sectores produtivos é imprescindible o escano galego, unha voz propia da man de Ana Miranda, que ten no traballo feito o seu mellor aval para pedir encher as urnas de papeletas do BNG este 9 de xuño”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG