Na homenaxe a Alexandre Bóveda celebrado na Caeira, concello de Poio, lugar no que hai 82 anos foi asasinado o galeguista, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que a ferida aberta contra as familias e vítimas da represión franquista en Galiza “non se vai curar co esquecemento nin a impunidade” só e posible, dixo, curala “coa verdade, a reparación e a xustiza.” Neste sentido, reclamou declarar día oficial o 17 de agosto como “Día da Galiza Mártir” e que a Xunta de Galiza o declare e celebre como tal.
Pontón reivindicou o legado de Alexandre Bóveda do que dixo, está máis vixente que nunca ao que sumou “políticas de recuperación da Memoria histórica”. A portavoz nacional do BNG criticou que durante dez anos a aportación do goberno de Núñez Feixóo fora “cero euros” para a recuperación da memoria histórica mentres destinaba “máis de sesenta mil euros á familia Franco para converter o Pazo de Meirás nun centro de apoloxía do fascismo”. Si a sociedade é a que está a impulsar políticas de memoria e quere avanzar neste terreo é necesario iniciar un cambio no noso país. O compromiso do BNG é claro, recalcou a portavoz nacionalista, poremos en marcha esa recuperación “cunha Lei propia de Galiza” que aposte por “anular os xuízos franquistas, institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir e a devolución de todos os bens espoliados polos franquismo”.
Pontón lembrou que a ONU defende que non pode existir unha lei de amnistía ou punto final para crimes contra humanidade e lembrou que en Galiza, a partir do ano 36 foron cometidos centos de asasinatos polo franquismo.
A portavoz nacional do BNG recalcou que Alexandre Bóveda entregou a súa vida por Galiza, a democracia pero tamén foi un dos artífices do nacionalismo a través do galeguismo na Segunda República e a pesar do tempo transcorrido hai algo, dixo Pontón, que non cambiou, “a necesidade do nacionalismo ante a crise do réxime”. Día a día, as forzas estatais están a demostrar que non contan “cunha axenda galega nin atenden ás necesidades de Galiza”. Si queremos construír un futuro mellor e con oportunidades, a “clave é o nacionalismo e dende o BNG traballamos para sumar máis deste lado porque é o único que suma na construción dunha Galiza mellor”.