Ana Pontón pide a Feixóo que se anticipe reforzando a sanidade pública con máis persoal ante a evolución dos datos COVID

Visita Valdeorras
Visita Valdeorras

Sen caer no alarmismo, insta a extremar as precaucións a toda a cidadanía

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita ao hospital comarcal de Valdeorras para trasladar a preocupación do BNG pola evolución dos datos da pandemia en Galiza e, sen caer no alarmismo, convidou a extremar as precaucións e, sobre todo, demanda do Goberno de Feixóo un reforzo inmediato da sanidade pública coa contratación de máis persoal e de máis medios.

“É fundamental reforzar con máis medios e recursos a sanidade pública, algo que xa era necesario antes da pandemia pero aínda máis agora á vista da evolución dos datos para, por exemplo, poder facer rastrexos. É importante que sigamos mantendo toda a precaución, pero tamén é urxente que a Xunta reforce con todos os medios necesarios a sanidade pública, que foi a peza clave na loita contra o virus e imos seguir necesitando do sistema público de saúde”, argumentou Pontón.

Neste sentido, a líder do Bloque destacou que o Goberno do PP “xa tivo que rectificar o despido de centos de profesionais que estiveron contratados para loitar contra a COVID, pero é evidente que se precisan máis medios, persoal e recursos, tanto non ámbito hospitalario como dunha atención primaria ao borde do colapso”, denunciou, de tal xeito que por primeira vez os galegos e as galegas non teñen garantido a consulta presencial co seu médico ou médica de cabeceira en tempo e forma.

Aínda que a presión hospitalaria ofrece datos manexables, ao que se suma a alta porcentaxe de vacinación, a líder nacionalista reiterou o chamamento á precaución de todos e todas, “porque non sabemos como pode evoluciona a situación e, por iso, o mellor que pode facer o Goberno é anticiparse e reforzar a sanidade pública”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG