Improvisación e bandazos nun inicio de curso que o Goberno de Feixóo tivo seis meses para preparar pero que, pese a estar no medio dunha pandemia, arranca en infantil e primaria sen protocolo claro e sen máis persoal docente nin medios. E, a menos dunha semana de que se incorpore o alumnado de secundaria, os institutos de Santiago emitiron un comunicado solicitando un aprazamento do inicio de curso porque aínda descoñecen os recursos cos que van contar.
A líder do BNG, Ana Pontón, responsabiliza ao presidente da Xunta da situación e pídelle que dunha vez asuma as súas competencias exclusivas tanto en educación como en sanidade.
“A responsabilidade do que esta pasando é de Feixóo que tivo seis meses para preparar o inicio de curso e non o fixo, e espero que a política de botar balóns fora non sega a ser a carta de presentación do goberno galego porque o que está en xogo é nada menos que a educación e a seguridade sanitaria dos nenos e nenas. Non se pode frivolizar con iso e pídolle ao goberno algo máis que escusas, pídolle solucións e que se poña as pilas”, recalcou.
A portavoz nacional destaca que o nivel de improvisación mostra a falta de capacidade de xestión do xefe do Executivo. “Temos claro que se trata dun problema de xestión que evidencia a incapacidade da Xunta para planificar un inicio de curso que non é un fenómeno sobrevido senón que houbo tempo para planificalo, e o que se preguntan moitos pais e nais é como se pode actuar con tanta irresponsabilidade cando estamos ante unha cuestión de tanta importancia como a educación e a seguridade sanitaria dos nosos fillos e fillas”, alegou.
O BNG formula como prioridades consensuar un protocolo claro coa comunidade educativa, reducir as ratios por aula, contratar máis persoal docente e garantir todos os servizos necesarios para facilitar a conciliación familiar e laboral de pais e nais como o comedor, o programa madrugadores ou as actividades extraescolares. “Un PP que rescatou á banca con 90.000 millóns de euros non pode dicir agora que non hai recursos para inicia o curso con garantías sanitarias”, recalcou, “non é serio e demostra que ao Goberno de Feixóo lle queda grande a pandemia e non está poñendo os medios suficientes”.
Pontón rexeitou o argumento de falta de espazos públicos para incrementar o número de aulas e baixar a ratio. “Nin as familias nin a comunidade educativa poden pagar as consecuencias dun Executivo que tendo seis meses para preparar a volta ao colexio estivo de brazos cruzados e sen actuar, claro que hai espazos, ou que falta é vontade política para organizalos”, concluíu.