Ana Pontón pide a Feixóo que convoque aos partidos para fixar unha estratexia de país ante o reparto dos fondos COVID UE

Ana Pontón
Ana Pontón

O importante non é cantos ministros do PSOE ou de Podemos están ao mando, senón evitar unha centralización na que Galiza sempre perde

Advirte que nun reparto sobre proxectos vai beneficiar ás grandes multinacionais e empresas do IBEX ubicadas en Madrid e Catalunya

A portavoz nacional, Ana Pontón, pregúntase a que espera o presidente da Xunta para descolgar o teléfono e convocar aos partidos políticos da oposición co obxectivo de fixar unha estratexia de país de cara ao reparto do fondo COVID europeo, -Next Generation-, para conseguir que Galiza reciba o que lle corresponda e tendo en conta a centralización que pretende impoñer o Goberno Estado.

“Desde o BNG queremos transmitir a nosa preocupación pola centralización da xestión do Fondo COVID europeo porque a experiencia nos demostra que cando é Madrid quen fai a distribución, Galiza perde. Cando hai tanto en xogo, o que lle pedimos a Feixóo é que descolgue o teléfono para convocar aos partidos políticos e sacar adiante unha estratexia de país cun obxectivo: que Galiza reciba o que lle corresponda dos fondos europeos para a recuperación ante un crise económica e social durísima. E cada euro conta para sacar o país adiante”, salientou.

Para a líder nacionalista, o debate “non é cantos ministros están do PSOE ou de Podemos, o debate é que imos facer desde Galiza para que reciba a parte que lle corresponde do fondo europeo de recuperación de 140.000 millóns de euros. Porque estamos falando dunha cantidade de fondos moi importante e dunha oportunidade para camiñar cara un novo modelo de economía verde, baseada na ciencia e na investigación”.

A portavoz nacional do BNG entende que é “un asunto capital, no que os intereses do país teñen que estar por diante de partidismos. Por iso, man tendida e colaboración do Bloque para que Galiza non sexa discriminada nun reparto centralizado desde Madrid e para iso pídolle a Feixóo que descolgue o teléfono e convoque aos partidos representados no Parlamento canto antes”.

A formación nacionalista xa puxo sobre a mesa que Galiza debe recibir un mínimo de 12.600 M€, o equivalente ao 9% do fondo europeo, e para iso considera fundamental despregar unha estratexia de país para evitar que os recursos se centralicen desde Madrid e que ese centralismo acapare uns recursos que son importantes para enfrontar a crise económica e social.

A segunda cuestión que o Bloque reivindica en relación ao Next Generation é que se destine a reactivar o tecido empresarial galego, ás PEMES e aos autónomos, para os que demanda un plan de rescate urxente que permita salvar da ruína a sectores como a hostalería, comercio, turismo e  cultura.

Incidir na pequena e mediana empresa e non nas grandes multinacionais ou empresas do IBEX, crear músculo industrial e facer de Galiza un referente en innovación, apostando pola sustentabilidade e por aproveitar o potencial produtivo. O BNG defende que o fondo se distribúa de acordo a unha serie de parámetros que recollan as necesidades e a realidade do país, porque un reparto en base a proxectos vai beneficiar as grandes empresas, as multinacionais e polo tanto aos territorios onde están ubicadas, sobre todo Madrid e Catalunya.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG