- Recrimina a ausencia de Feijóo no debate e pídelle “non equivocarse de inimigo nin ser convidado de pedra en Madrid” na negociación do novo modelo de financiamento
- Prioridades: Duplicar fondos I+D+i, apoio sectores produtivos para xerar emprego, Plan retorna, Renda social e loita contra a violencia de xénero
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a devolución do proxecto de orzamentos de 2017 do Goberno da Xunta porque son os presupostos “da desesperanza e continúan coas vellas políticas que nos trouxeron ata o pozo no que aínda está unha maioría social”.
“Estes orzamentos son como unha labazada na cara das persoas que seguen padecendo unha crise que non provocaron e, ao mesmo tempo, demostran que o Goberno carece de ambición de país, non ten estratexia para que Galiza colla o tren da innovación, dos salarios dignos, de igualdade, do respecto polo medio ambiente e do apoio a lingua e cultura”.
Unha contas que, recalcou Pontón, “son fillas da austeridade e consolidan os recortes en servizos públicos e prestacións sociais, e supoñen seguir instalados na precariedade laboral, na emigración e no aumento do paro”.
A portavoz nacionalista reprochou a Feijóo a súa ausencia nun dos debates máis importantes da Cámara, que cualificou de “falta de respecto” e, coa vista posta na conferencia de presidentes da negociación dun novo modelo de financiamento, pediu ao “presidente ausente” que demostre “ambición”.
“Non pode ir a esa reunión co ridículo obxectivo de evitar que Catalunya avance, esa estratexia anticatalana é inútil cando o actual sistema a quen privilexia é a Madrid. Polo tanto, non se confunda de inimigo, nin se comporte como un convidado de pedra na xuntanza de mañá, porque a súa submisión aos intereses do PP levan a Galiza á irrelevancia política”, denunciou Pontón, tras reprocharlle a Feijóo non ter presentado a proposta de novo modelo de financiamento do Goberno galego.
Crónica dun triplo fracaso
Na defensa da emenda de devolución, Pontón argumentou que manteñen as mesmas políticas fracasadas que trouxeron unha Galiza con máis paro, emigración, pobreza e desigualdade.
“Estes orzamentos son a crónica anunciada dun triplo fracaso, do paradigma da austeridade e da recentralización, do modelo máis con menos como na milagre da multiplicación do pan e dos peixes e fracaso do modelo de financiamento centralista, cuxo erro deben recoñecer e facer propósito de emenda para non repetilo”, indicou.
Pontón negou que se traten dunha contas expansivas, “cando o único que se expande é o pago da débeda” cun incremento do 14%, cinco veces máis ca subida media dos orzamentos. Tampouco considera crible a cifra de creación de emprego ademais de reprocharlle ao Goberno que prevea un descenso da taxa de paro grazas a unha caída da poboación activa.
“Pronostican que baixará o paro porque moitas persoas que agora buscan emprego desesperadas por non atopalo, marchan. Cando o presidente dun país pon negro sobre branco este dato no seu proxecto de orzamentos e se congratula, definitivamente estamos ao borde do abismo e vostedes seguen a dar pasos cara adiante”, lamentou.
Salarios Goberno 7%, salario medio 0,4%
No debate, criticou a subida dos salarios dos membros do Executivo nun 7%, cando a subida media salarial é do 0,4%. “Se estivese prevista unha recuperación dos soldos dos e das traballadoras non fariamos mención a este dato, pero neste contexto a suba das retribucións do goberno é desproporcionada”, alegou.
Cunha Galiza na que 700.000 persoas están en risco de exclusión social e na que seis de cada dez familias confesan chegar con dificultade a fin de mes, cualificou de “falacia” o “crecemento san” do que presume a Xunta, e amosou o escepticismo do BNG ante as cifras macroeconómicas de crecemento do PIB. “Son a mellor mostra de que este ano non vai chegar a recuperación a todos e todas”.
Igualmente, lamentou que as contas públicas consolidan os recortes en servizos públicos e sociais, de tal xeito que Educación ten 396 millóns de euros menos que en 2009, Sanidade, 255 M€ menos e en 2015, 23.672 persoas esperan pola prestación de dependencia.
En contraposición, Pontón salientou as prioridades orzamentarias do Bloque. Duplicar o investimento en I+D+i como base do desenvolvemento dos sectores produtivos e da creación de emprego, Plan retorna para recuperar xente moza emigrada, Renda de integración social para garantir un mínimo vital ás persoas máis desfavorecidas, loita contra a violencia machista pasando de 5 a 95 millóns de euros.
Preservación do medio ambiente, con recursos para o saneamento das rías, apoio a cultura e a lingua completan as propostas do Bloque para negociar co Goberno.
Pontón lamentou “ton e forma” da intervención do conselleiro de Facenda, que cualificou de “pouco democrática”. “Nós non lle quitamos lexitimidade para gobernar, non pretenda vostede quitarnos lexitimidade para facer oposición porque iso sería tanto como pedir o peche deste Parlamento”, recriminou. Tamén fixo unha referencia á intervención do portavoz do PP: “A nosa emenda non é para parar Galiza señor Puy, senón para poñela a funcionar e para darlle un futuro mellor, porque creemos no potencial deste país”, concluíu.