Municipais 2023

Ana Pontón pide concentrar no BNG o voto de cambio e de rebeldía que quere construír unha Galiza en grande desde os concellos

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Pide o voto para Jorquera, o alcalde capaz de colocar A Coruña como unha cidade de referencia e de vangarda e de defendela sen ataduras

A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou campaña cun mitin na Coruña man a man co candidato á Alcaldía facendo un chamamento á participación e a mobilización nas urnas, en particular á mocidade, e apelando a concentrar no BNG o voto de todas as persoas que queren un cambio real e poñer en marcha unha nova Galiza concello a concello.

“É o momento de sumar no BNG todo o voto rebelde, inconformista, que quere un país máis xusto e con máis dereitos; todo o voto que defende cidades verdes, inclusivas, feministas; o momento de concentrar no BNG todo o voto da cidadanía que quere cidades vivas, produtivas, que defendan o comercio local, que colocan as persoas no centro”, explicou no acto na dársena da Coruña.

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Pontón destacou que este o momento do Bloque e que ao longo de meses percorrendo o País percibiu “como foi medrando a corrente de simpatía cara a nosa forza política, pero é fundamental que esa simpatía se traduza en votos”, indicou. Nesa dirección, destacou que o BNG “é a opción nas urnas” de todas as persoas que queren vilas e cidades con calidade de vida, con políticas de vangarda ante os grandes retos de presente, como o cambio climático ou a preservación do medio ambiente e con políticas que defendan a nosa lingua e cultura.

Pontón presentou o Bloque como a alternativa de todas as persoas que queren que o seu País avance, que queren abrir un tempo novo e mirar con tranquilidade ao futuro, recalcou.  Tamén é a opción para derrotar ao PP “enlamado” na corrupción que usa as institucións como se fosen da súa propiedade, porque o 28M tamén vai de rexeneración democrática.

A líder nacionalista fixo unha apelación especificamente dirixida á mocidade, para sexa “protagonista” do cambio real escollendo a papeleta do BNG e construír a sociedade na que queren vivir, defendendo o seu dereito a ter plan de vida con salarios dignos, con acceso a vivenda, nunha Galiza á vangarda da igualdade, pola defensa do medio, pola defensa de todos os dereitos para todas as persoas”, explicou.

Pontón puxo en valor o modelo municipal de éxito do BNG, “somos a referencia da mellor política municipal dentro e fóra de Galiza”, proclamou, e ese modelo é o que quere implantar na Coruña da man de Francisco Jorquera.

Acto A Coruña
Acto A Coruña

“A Coruña precisa un alcalde capaz de liderar e de sumar arredor do seu proxecto de cidade e con capacidade para defender esta urbe diante de quen faga falta”, dixo en relación a un candidato que é o  líder político máis valorado na cidade. “Este 28M hai que facer valer nas urnas outro modelo de cidade, moderna, inclusiva, verde, feminista, que poña as persoas no centro, que faga da cultura e do talento marca de identidade”, recalcou. “E hai que facer valer unha Coruña que se sitúe na vangarda europea en todos os debates do presente: a transición ecolóxica, os dereitos sociais, a calidade de vida, o espazo público, as cidades que coidan das persoas en todas as súas dimensións”, afondou a líder do BNG.

“A Coruña ten que conectar consigo mesma, co mellor da súa historia, cos mellores valores que leva dentro e que fan dela a cidade libre, aberta e rebelde que sempre foi”, destacou, pedindo un apoio masivo para Jorquera e concentrado na papeleta do BNG todo o voto das cidadanía que quere outro modelo de cidade, votase o que votase noutras ocasións.

Pontón augurou que o Bloque vai ter un resultado “espectacular” este domingo, “porque o BNG está no mellor momento da súa historia e porque somos a forza para toda esa cidadanía que quere cambio, a forza da ilusión e da confianza no noso País, por iso este 28M imos dar un paso máis, moi importante, para seguir abrindo as portas dun porvir cheo de esperanza para A Coruña e para Galiza”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG