A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita á planta viguesa de Stellantis para demandar ao Goberno do Estado, á Xunta e á propia multinacional colaboración e compromiso para que Galiza non quede excluída do PERTE da automoción, o denominado polo Ministerio de Industria PERTE do vehículo eléctrico e conectado, dotado con 12.000 M€ con cargo aos fondos Next Generation.
“Até o momento a planta automobilista de Galiza, unha das máis produtivas de Europa, está excluída, e desde o BNG pensamos que debe ter un apoio claro nun momento no que se están producindo grandes transformacións no sector”, indicou, en relación ao proceso de transición enerxética cara a descarbonización definido pola Unión Europea, que fixa en 2035 a data a partir da cal só se poderán fabricar coches eléctricos.
“Preocúpanos que o PERTE da automoción deixe fora a unha empresa tan importante para o noso País como Stellantis e, por iso, pedimos colaboración entre o Goberno central e a Xunta para garantir o acceso a eses fondos, porque o único que temos son boas palabras pero iso non chega para evitar que Galiza quede discriminada nun dos PERTES máis importantes que ten en marcha o Estado”, argumentou Pontón.
E para evitar esa discriminación, a líder nacionalista tamén considera importante que a propia Stellantis “faga unha aposta estratéxica” por Galiza, “porque se vai decidir como se redefinen as plantas de compoñentes e consideramos importante que o noso País este aí e que exista un compromiso da empresa porque é evidente que, neste proceso de transformación cara o coche eléctrico, todas as fábricas de compoñentes van ter un papel clave é debe haber un compromiso claro de Stellantis”.
Pontón trasladou o apoio do BNG ao sector da automoción, “estratéxico” para o País, porque xera máis de 23.000 postos de traballo directos, “clave desde o punto de vista económico e industrial”, sector en plena transformación o que provoca incertezas pero tamén oportunidades, “porque estamos convencidas do potencial do sector e, por tanto, hai que afrontar con decisión estas transformacións”.
E neste contexto de cambios, o Bloque propón a creación dunha Mesa galega da automoción coa participación do cluster, das universidades e das administracións, “que permita enfrontar con garantías o paso ao vehículo eléctrico e que fortaleza a posición de Galiza dentro do sector, tanto na transformación final, na creación de compoñentes, como no proceso de innovación”, explicou Pontón, “a automoción é estratéxica e temos que traballar man a man para que este procese de transformación no sector sexa unha oportunidade para Galiza”.
A líder nacionalista tamén fixo unha referencia explícita ás condicións laborais no sector da automoción, tendo en conta que “a chegada de fondos públicos ten que servir para darlle músculo ao sector, pero tamén ten que repercutir na creación de emprego en condicións de traballo dignas”.
Crecemento económico xusto
Neste sentido, explicou Pontón, o BNG considera que o a precarización laboral “é un modelo fracasado”, polo contrario, “se queremos fortalecer a sociedade, se queremos fortalecer un crecemento económico xusto e que a transformación que está en marcha no sector da automoción non implique un menoscabo en termos de emprego, debe haber un compromiso de todas as partes de que se avanzará cara a mellora das condicións laborais e cara a creación de emprego”, concluíu.
Pontón visitou Stellantis onde mantivo un encontro co equipo directivo e, posteriormente, realizaron un percorrido guiado pola planta, da man do director da factoría de Balaídos, Ignacio Bueno. Unha visita na que tamén participou a deputada viguesa Carmela González e o portavoz parlamentario de Industria, Ramón Fernández.