A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación do vídeo de campaña para animar a todas as persoas a dar carpetazo “a catro anos de sombra” e tomar o 28A para “abrir as xanelas de par en par e volver situar Galiza no mapa” deixando atrás a discriminación.
“É unha oportunidade para conseguir o que Galiza necesita como auga de maio: ter unha representación forte en Madrid sen subordinación a ninguén”, proclamou Pontón, “da man de deputados e deputadas como Nestor (Rego), Maite (Ferreiro), Iago (Tabarés) e Carme (da Silva) que falen da xente deste país, das súas aspiracións, que falen dos seus problemas e de como solucionalos, de como darlle futuro aos seus fillos e fillas, de como darlle oportunidades a xente nova, e de como construír unha Galiza próspera e orgullosa”.
Convencida de que “o torrente de simpatía” cara o BNG vai en aumento, a líder nacionalista amosouse convencida de que o 28A “moitos galegos e galegas van optar por unha forza que non ten que pedir permiso, tras o fiasco dunhas forzas estatais, vellas e menos vellas, que demostraron que só veñen pedir o voto”.
“Son cada vez máis as persoas que queren que as cousas cambien de verdade, que queremos outra vida, cun traballo digno, con dereitos, con dignidade, que queremos abrir un tempo novo e gañar a esperanza dunha vida mellor, aquí e agora”, recalcou a portavoz nacional do Bloque, animando a “sumar con ilusión da man do proxecto solvente, coherente e unido e coa man tendida” que representa a candidatura nacionalista.
“Non fai falta ser nacionalista para votar ao BNG, o que fai falta é levar a Galiza na cabeza e no corazón, crer que é importante que sexamos determinantes no Estado da man dunha forza que defende os dereitos nacionais e sociais e garante ser freo desa dereitona carca que só trae involución”, salientou. Segura da “remontada”, Pontón proclamou que o Bloque “vai a por todas porque moitos galegos e galegas van abrir un tempo novo confinado no BNG e imos estar á altura”, concluíu.
Nestor Rego, candidato pola Coruña, manifestou que a onda se simpatía cara o proxecto nacionalista “vaise ver nos resultados do 28A porque gana forza esa idea de que Galiza precisa voz propia despois de que estes catro anos se perdesen tantas oportunidades. O único voto útil é o voto ao BNG”, proclamou.
Maite Ferreiro, candidata por Lugo, púxolle voz ao rural do que procede, ante unha mocidade que emigra como fixeron xeracións anteriores e reivindicou “un rural no que as casas sigan abertas con vida dentro”. Reivindicou o interior como un territorio “con moitas posibilidades que terá un futuro cando Galiza recupere presenza real no Congreso”.
Iago Tabarés, cabeza de lista por Ourense, declarou que afronta as eleccións “con ilusión polo contacto coa cidadanía”, e márcase como obxectivo que Ourense conte nesta campaña, “que se fale dos seus problema e das solucións, nunhas eleccións no que a provincia se xoga o seu futuro”, apelou.
Carme da Silva, que lidera a candidatura de Pontevedra, destacou a intensidade da campaña “pola cantidade de xente que se achega para transmitir a súa forza e o seu cariño, que comparte o desexo de darlle futuro e esperanza a este país e, desde a humildade e coa súa forza, xa nos están empuxando ao Congreso. Imos usar esa enerxía para condicionar a política do Estado da favor deste país”.