A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha primeira valoración dos orzamentos de 2025 para desmontar o que hai detrás da propaganda do Goberno do PP que repite, como día da marmota, que estamos ante unhas contas históricas, sociais e cun investimento record.
“Pero detrás da propaganda oficial, a realidade é que son uns orzamentos antisociais, que benefician aos máis ricos porque consolidan un sistema fiscal regresivo, fomentan a especulación coa vivenda e anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan. Os orzamentos son papel mollado, ineficaces porque non dan resposta aos problemas dos galegos e galegas e a proba de que o goberno do PP non ten ningún proxecto de País”, sintetizou a líder do BNG.
Pontón foi desmontando a campaña propagandística emprendida polo executivo de Rueda, empezando polo mantra de que estes son os orzamentos da vivenda, tras quince anos nos que o goberno do PP non fixo máis que dinamitar a política social de vivenda. Nun momento no que o acceso a unha vivenda é misión imposible para a xente moza e para moitas familias, explicou, lonxe de facilitar o acceso estamos antes unhas contas que promoven a especulación cos alugueres.
De feito, argumentou, “a medida estrela de Rueda é baixar impostos ás grandes fortunas, construtoras e fondos voitre que decidan comprar ou construír pisos para alugar ao prezo que lles pete. Non hai ningún requisito para que este tipo de rebaixas vaian dirixidas a alugueres a prezos asumibles, senón que favorece a especulación e a quen xa ten recursos”.
Así, se unha construtora ou un fondo voitre compra un edificio por valor de dous millóns de euros no centro da Coruña, Vigo ou Santiago e decide poñer pisos de luxo en aluguer o goberno do PP regálalle 22.500 euros en bonificación do imposto de actos xurídicos documentados. “Beneficio para a xente moza que busca desesperadamente un aluguer? Cero”, denuncia, “unha auténtica burla”.
O outro gran anuncio nesta materia é que se triplica o investimento en vivenda, “a realidade é que o PP incumpre sistematicamente o investimento en vivenda, de tal xeito que entre 2019 e 2023 deixou sen executar 124 M€ o 68% do total”, explica. Ao longo dos últimos anos non só recortou senón que a maior parte do anunciado nunca se investiu”, lamentou tras indicar que as contas de 2025 non teñen ningunha medida efectiva para mellorar o acceso a vivenda no curto e medio prazo.
“E mentres tanto, o goberno de Rueda segue boicoteando ós concellos que piden a declaración de zona tensionada para poñer topes ao aluguer ou que como Santiago toma medidas valentes para regular as vivendas de uso turístico”, indica.
Fiscalidade regresiva
O BNG destaca que tampouco son uns orzamentos solidarios, porque consolidan unha política fiscal que baixa máis impostos aos que máis teñen, co resultado de que a facenda pública perdeu 1.300 M€ nos últimos catro anos, recorte do que presumía o propio presidente da Xunta.
“Pero non din que as súas baixadas de impostos significan que se ingresas 12.500 euros ao ano aforras 50€, se ingresas 60.000 aforras 500€ e se estás entres as 7.000 persoas con máis patrimonio de Galiza aforras 4.415 €. Con 50€ non pagas nin unha radiografía, pero con 1.300 M€ máis non habería listas de espera na sanidade pública. Para iso serven os impostos que o PP recorta baixándolle máis aos máis ricos, para financiar servizos públicos básicos”, argumentou Pontón.
Infrafinanciación do SAF
Tampouco son sociais unhas contas que seguen infrafinanciando servizos fundamentais como o SAF, mentres drena 160 M€ ao sector privado das residencias, nunha Galiza que é a terceira comunidade autónoma con menos investimento en dependencia. Pontón xa avanzou que o BNG vai defender un incremento do financiamento do servizo de axuda a domicilio de 12 a 20 euros hora, “é esencial para as familias”.
Tras os anuncios en materia de ciencia era esperable un incremento nesta materia, pero a realidade é que os orzamentos recollen un recortazo do 28% no Plan de I+D+i, que perde 48 millóns de euros, “un erro que fai que Galiza quede atrás nun ámbito fundamental para o noso futuro”, lamenta a portavoz nacional.
A farsa do investimento
Outro asunto no que a líder do Bloque quixo rebater é a propaganda oficial de maior investimento da historia, porque a realidade é que as cifras que se ofrecen son “ciencia ficción”, tendo en conta que cada ano o goberno do PP anuncia millóns de euros en investimentos que nunca se executan. De feito, entre 2019 e 2023, quedaron sen investir 2.758 M€, a razón de 552 M€ cada ano.
“Hai que ter en conta que só 20 de cada 100 euros dos orzamentos son investimento, pero aínda así o goberno do PP é incapaz de executalos demostrando unha xestión nefasta. Por iso, escoitar ao señor Rueda dicir que o investimento vai impulsar o crecemento de Galiza é un chiste. Como vas impulsar a economía e os sectores produtivos se es tan mal xestor que deixas sen investir centos de millóns de euros? É a demostración de que os orzamentos do PP son unha farsa que se repite ano tras ano”, alegou.
Pagar a débeda, un 16% máis
O PP evitou dar a contía do custe da débeda pública pese a levar días coa difusión interesada de datos, pero coa chegada das contas ao Parlamento constátase que o pago da débeda é a terceira partida máis alta, e sube un 16%, cinco veces máis que a media dos orzamentos. O PP triplicou a débeda pública até situala nos 14.257 M€, pese a recortar en servizos públicos, por exemplo, 2.107 millóns de euros en atención primaria.
Finalmente, Pontón fixo referencia á lei de acompañamento, criticando que volve ser un “coladeiro” polo que o goberno modifica ducias de leis pola porta de atrás sen pasar polo debate parlamentario, incluso afectando a ámbitos tan sensibles como o desenvolvemento eólico nun momento de barra libre ao espolio das eléctricas.
“Estamos ante uns orzamentos ineficaces, antisociais, que benefician aos máis ricos, fomentan a especulación coa vivenda e anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan. Os orzamentos son papel mollado e demostran que o goberno do PP non ten ningún proxecto de país, nada que permita a Galiza enfrontar os grandes retos que ten por diante. Son pura propaganda”, concluíu Pontón.