Carme da Silva chama a facer “que a nave do futuro galego vaia a bo porto” e “realidade o soño da xeración de Castelao, Bóveda e todas as persoas ás que arrasou Atila”
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha chamada a concentrar no BNG o voto rebelde, inconformista e de País para conseguir no Congreso un grupo forte orgullosamente galego que poña fin á discriminación das forzas estatais e defenda no Estado un trato xusto con Galiza. “Pídolles a todas as persoas que queren a este País que voten coa cabeza e o corazón en Galiza, convídolles a concentrar no BNG todo o voto rebelde, inconformista e de País sabendo que o Bloque non lles vai fallar”, proclamou no mitin que compartiu en Pontevedra coa cabeza de lista por esta provincia, Carme da Silva.
Pontón presentou ao BNG como a “verdadeira alternativa” en Galiza ao PP ultra de Feijóo, forza á que lle está a disputar escanos nas catro provincias. “Cada escano máis para o Bloque é un menos para Feijóo”, incidiu, subliñando que “non é o momento de votar con medo nin polo mal menor”, senón de acudir ás urnas “con ilusión, con forza, con ganas de coller a papeleta do Bloque porque nela está a vida dos galegos e das galegas”.
Nunha chamada a toda a cidadanía farta de ver como as forzas do bipartidismo trata á xente do País como cidadáns de segunda, dixo que “o voto ao BNG é un voto orgullosamente galego, libre e sen complexos, en defensa do noso, sen privilexios, pero con xustiza e igualdade”.
Advertiu que este 23X Galiza xógase facerse valer en Madrid e ter peso político no Estado, “unha voz forte e potente -dixo- que lle permita defender os seus intereses alí onde se toman as decisións que nos afectan directamente”. E para conseguilo, afondou a líder do BNG, o único camiño é ter un grupo forte orgullosamente galego con deputados polas catro provincias, representación que é posible se os cidadáns que apoiaron ao BNG nas municipais e antes nas galegas repiten papeleta o domingo.
Un grupo do Bloque como “única forza coas mans libres para defender as causas galegas” dende o traslado de Ence da ría de Pontevedra, precisou, até un tren do século XXI, unha tarifa eléctrica galega, políticas que creen industria, investimentos xustos ou creación de máis xulgados de violencia de xénero.
Destacou ademais o dobre valor que ten a papeleta BNG, para defender o País e como garante dos dereitos e liberdades, ameazados polo PP ultra de Feijóo de ganchete coa extrema dereita antigalega “que quere arrebatarnos até a lingua que falamos”. “Non imos permitir que nos rouben ese orgullo, que nos rouben o noso idioma e a nosa cultura. Queremos unha Galiza libre, inclusiva, diversa, orgullosa do noso, e para iso tamén pido encher as urnas de papeletas BNG, para dicir alto e claro que estamos orgullosas de ser galegos e galegas”, afirmou.
Pontón amosouse convencida de que ese orgullo que senten os galegos cando escoitan ás Tanxugueiras ou cando ven a Ponte de Rande chea de xente cantando o himno dun equipo centenario servirá tamén para que o 23X o BNG acade maior representación e, no caso de Pontevedra, sente como deputada a Carme da Silva.
“Pontevedra vai perder unha gran concelleira pero vai gañar unha grandísima deputada para a provincia e para Galiza”, díxolle á veciñanza nun mitin no que amosou tamén o seu firme convencemento de que o País vai vencer na batalla para conseguir “una ría de Pontevedra saneada, produtiva e libre de Ence”.
Semente de vencer
Lembrando a data do 18 de xullo na que se cumpren 87 anos de que o fascismo asolou Galiza, a cabeza de lista por Pontevedra Carme da Silva pediu que o vindeiro domingo “fagamos que a nave do futuro galego vaia a bo porto. fagamos realidade o soño da xeneración de Castelao, Bóveda e todas as persoas ás que arrasou Atila en Galiza”. “Gañemos o futuro!!!”, exhortou.
A candidata destacou que o 23 de xullo vai de cambiar o guión, “de sermos protagonistas da nosa historia”, sinalando que “xa que pagamos a produción, decidamos nós a película”. Salientou que o domingo, ao elixir a papeleta, é preciso pensar en rexenerar e recuperar as rías o litoral, en ter o ferrocarril que precisamos, na tarifa eléctrica galega, na circunvalación de Pontevedra, na AP9 galega e libre de peaxe, na lingua e a cultura, e en frear o espolio eólico.
“En definitiva o 23X vai da nosa vida, vai de ser galegas !!! Vai de poder decidir, de poñerlle freo a unha recentralización insaciable dos poderes políticos e económicos do Estado” subliñou, polo que chamou a facer historia e encher as urnas de “semente de vencer” levando a Madrid un grupo galego forte.
Da Silva lembrou que en Madrid deciden sobre moitas cousas “e cando deciden por nós ten consecuencias”. Por exemplo, lembrou que Galiza ten as segundas pensións máis baixas do estado, e perde 40.000 postos de traballo na industria como consecuencia das políticas económicas; salientou que deciden sobre as infraestruturas, “e decidiron que Galiza quede no furgón de cola. Deciden quen ten circunvalación e quen non, e a de Pontevedra estase facendo esperar décadas”.
Tamén sinalou que Madrid decide sobre a enerxía eléctrica, os costes sociais e ambientais e os beneficios económicos, e dixo que “a dereita de Feijóo goberna para as eléctricas”, polo que pediu parar o espolio disfrazado de ecoloxismo da esquerda española”, asegurando que “Galiza non vai ser a colonia enérxetica de Madrid!!”. Tamén falou sobre a fiscalidade, sobre quen paga impostos e en que se invisten: “Na Galiza hai 4256 empresas coa súa sede social en Madrid. Unha delas coñecémola ben aquí: ENCE paga en Madrid en concepto de imposto de sociedades 6,03 millóns de euros e en Galiza uns miserables 157 mil euros. Sobran as palabras”, finalizou, instando de novo a conseguir un grupo galego forte que dea unha voz potente ao BNG para defender Galiza.
A mellor opción, un modelo xenuíno
A tamén candidata ao Congreso por Pontevedra, Sabela Bará, fixo unha chamada a “romper o guión” e apostar polo BNG o vindeiro 23X como “mellor opción”. Destacou que o Bloque é unha candidatura de país que vai gañar protagonismo nun momento no que se están a tomar decisións que afectan profundamente ao futuro da sociedade.
Contrapuxo o discurso centralista que se está a escoitar nos platós de televisión con “ruído e ruído para que non se fale do que realmente importa” fronte a un “BNG que dirixe o foco ao debate” e fai propostas “en defensa dos intereses das galegas e galegos e das maiorías sociais”. “Dereitos sociais, vivenda, mocidade, pensións dignas, transición enerxética xusta, medio ambiente, rural, sectores produtivos, infraestruturas, transporte, feminismo, educación e sanidade públicas, lingua, identidade, benestar social, capacidade de decisión. Isto é o que pon sobre a mesa o BNG”, salientou.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que o BNG confía “no país e nas súas posibilidades, nas súas xentes e no seu futuro” e que cando goberna demostra “que somos quen de ser un referente”. “Aprendemos de todo o mundo, escoitamos, -dixo- pero transformamos a nosa sociedade cun modelo xenuíno, cun modelo propio adaptado a este país, un modelo que garante o noso futuro e o futuro dos que están por vir”.
Foi por iso que fronte aos desagravios das forzas madrileñas o rexedor nacionalista tamén instou a “berrar alto e claro que basta xa de discriminación con Galiza”. Salientou que o único compromiso do Bloque Nacionalista Galego é cos galegos e as galegas polo que é realmente o único voto útil e lembrou que se a veciñanza deste país ten a viaxe de volta de balde pola AP-9 é grazas ao traballo do BNG no Congreso, “ou se se fixo un tramo do paseo de Marín, ou se está adxudicado o nó de bombeiros en Pontevedra, é tamén grazas ao noso deputado en Madrid, Néstor Rego”.
Admitiu Lores que non se cumpriron todos os compromisos acordados mais houbo avances. “Se conseguimos iso con un deputado, que non conseguiremos cun grupo forte no Congreso?”, cuestionou. “Esixiremos que se remate a circunvalación de Pontevedra; esixiremos o tren de cercanías e a conexión con Portugal. Un grupo forte do BNG, con máis peso e capacidade de decisión, sen medo nin ataduras a reclamar en Madrid unha ría libre de Ence”, asegurou, arrincando un sonoro aplauso do auditorio.