Se todas as persoas que votaron ao Bloque nas pasadas eleccións municipais e antes nas galegas volven facelo o 23X, Galiza terá un grupo galego forte para facer valer os seus intereses ante o Estado. Foi a mensaxe que lanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, no mitin que compartiu xunto ao candidato Néstor Rego en Narón, onde fixo un chamamento a mobilizarse masivamente nas urnas para “poñer a Galiza no centro e frear a involución”.
“Pídolle a todas as persoas que votaron ao BNG nas eleccións galegas e agora nas eleccións municipais que este 23 de xullo volvan confiar no Bloque, que volvan encher as urnas de votos ao BNG para ter un grupo galego forte no Congreso, porque co voto que tivo o BNG tanto nas autonómicas como nas locais, Galiza terá un grupo forte e orgullosamente galego en Madrid tamén con escano polas catro provincias”, recalcou no concello de Ferrolterra.
Neste sentido, Pontón apelou a concentrar no Bloque todo o voto “de País, rebelde e inconformista”, para acadar ese grupo forte con deputados e deputadas por Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, provincias nas lle está a disputar escanos ao PP de Feijóo. “Cada escano máis para o BNG é un menos para Feijóo e a súa alianza con esa extrema dereita antigalega”, afirmou. E incidiu en que en Galiza, “a alternativa real ao PP é o BNG”.
A líder nacionalista aproveitou o mitin en Narón para destacar a especial necesidade de darlle unha “voz forte e potente” á Galiza e facerlle fronte á discriminación histórica por parte das forzas estatais que fan que as infraestruturas prometidas “durman o sono dos xustos”, como sucede no caso da autovía da Mariña eternamente prometida que agora en campaña volven anunciar, ou a autovía entre Lugo e Santiago, sen rematar trinta anos despois do seu inicio.
“Un pitorreo e unha falta de respecto”, dixo, do “bipartidismo que quere que todo siga igual”, que ten posto “paus nas rodas” ao desenvolvemento de Galiza. “Pero xa sabemos que os deputados das forzas estatais van a Madrid atados de pes e mans”, denunciou.
Por contra, destacou, o BNG é a única forza coas “mans libres” para defender os intereses dos galegos e das galegas ante o Goberno do Estado. Fronte a unhas forzas estatais “que din unha cousa aquí e fan a contraria en Madrid”, criticou, “non imos fallar nin na defensa de Galiza en Madrid nin á hora de pararlle os pés a Feijóo e o seu aliado da extrema dereita racista, machista e antigalega”.
Un Feijóo “que aquí coñecemos ben”, indicou, mentres facía repaso da “boa xestión” do candidato do PP. “Provocou a emigración masiva de 200.000 mozos e mozas porque non lle daba máis alternativas que a P de paro ou a P de precariedade”, puxo como exemplo. “E di que se compromete cos maiores, pero en Galiza temos as segundas pensións máis baixas do Estado e en catorce anos non construíu nin unha soa residencia pública”, argumentou tamén.
O mesmo Feijóo que fala de boa xestión, pero que aquí triplicou a débeda pública ao tempo que recortou en servizos públicos, en educación e en sanidade, afondou, para advertir da Galiza “cada vez máis pequena” que queda dos anos de goberno do Partido Popular.
O BNG, contrapuxo, quere construír unha “Galiza en grande”, respectada en Madrid, cun grupo galego forte que fale polos miles e miles de galegos e galegas “fartas de tanta discriminación”.
Pezas inútiles ante o peche de empresas
O número un na candidatura pola Coruña, Néstor Rego, acusou na súa intervención aos partidos que formaron parte dos últimos gobernos españois, tanto PP como PSOE-Unidas Podemos, agora Sumar, de non ter actuado á hora de poñer freo á crise industrial que atravesa Galiza e que supuxo a perda de 3.500 empresas e máis de 47.000 empregos no últimos catro anos.
“Os gobernos do Estado e a Xunta foron pezas inútiles ante o peche de empresas tan importantes como Alcoa na Mariña, Vestas en Viveiro, Siemes-Gamesa nas Somozas, Alu Ibérica na Coruña ou Vulcano en Vigo e son tamén responsábeis da situación que atravesa Navantia xa que non responderon á demandas claras do BNG para a transformación do sector na comarca de Ferrolterra”, explicou Néstor Rego, que lamentou tamén o rexeitamento da tarifa eléctrica galega que suporía “non só abaratar o consumo eléctrico da xente senón tamén un importante pulo para o sector industrial”.
Referiuse, neste sentido, ás distintas iniciativas presentadas polo BNG para demandar 100 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado como unha primeira achega para a transformación de Navantia nun complexo industrial e integral, que volva á construción civil, avance na modernización cun Centro Tecnolóxico e xere novos empregos. “Suporía a creación de postos de traballo na comarca e o regreso a unha posición punteira, mais o goberno non atendeu a nosa reclamación que sería clave para darlle unha volta á crise cronificada que padece o sector", afirmou.
Dirixíndose a toda a xente de Galiza, Rego pediu o voto para conseguir un grupo forte en Madrid porque “é a única garantía de que se cumpran as promesas e conseguir que, sendo determinantes, podamos facer reverter a discriminación histórica en investimentos en Galiza”. Lembrou así que, cando o BNG foi necesario para a investidura, conseguiu logros históricos para o País e cando os seus votos foron imprescindíbeis para aprobar os orzamentos fixo que os investimentos chegasen aos 2.000 millóns de euros, máis do duplo das últimas contas anuais. “Está claro que o voto ao BNG é o voto útil e, tal e como vemos nos casos vasco e catalán, temos a seguridade de que un grupo galego forte servirá a Galiza e a mellorar a vida de galegos e galegas”, rematou no mitin de Narón o candidato pola Coruña.