A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou a Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, que chega este ano o seu 30ª aniversario. Trátase dunha celebración que se distingue especialmente por levarse a cabo nun entorno de gran valor histórico e etnográfico: un conxunto de adegas centenarias.
“A denominación de orixe Ribeira Sacra ten uns caldos de excelente calidade pero ademais, esta feira ten a particularidade de celebrarse nun entorno privilexiado, de gran valor etnográfico, histórico e paisaxístico”, indicou Pontón.
O sector vitivinícola é clave no medio rural, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego, pero tamén pola súa capacidade para preservar o territorio, fixar poboación e dinamizar outros sectores económicos como o turismo de calidade. Con respecto disto, a portavoz nacional lembrou que “estamos a falar dun sector que contribúe decididamente a manter vivo e activo o rural”.
“Nunha Galiza no que o 90% do territorio é rural non se entende o futuro se deixamos atrás a maior parte do noso territorio”, indicou. Neste sentido, o BNG aposta por unha discriminación positiva co medio rural, en particular en materia de servizos públicos, por un rural ben conectado en mobilidade e tamén en novas tecnoloxías, que fixe poboación e que sexa atractivo para á mocidade.
“No Bloque somos capaces de darlles calidade de vida aos concellos, de transformalos en positivo, con servizos, con actividades de ocio e lecer para a veciñanza e con dinamismo económico, social e cultural tamén nos pequenos municipios”, declarou a líder nacionalista.
Poñendo como modelo Allariz, pero tamén San Sadurniño, Moeche, Barro, Mazaricos ou A Pobra do Brollón, indicou que “ese modelo municipal de éxito é o que queremos estender por todo o rural e por toda Galiza a partir do 28M”.