A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denuncia o “ novo recorte” nos servizos sanitarios galegos que se esconde detrás da reforma aprobada hoxe no Consello da Xunta que "actualiza" a lei galega de saúde do 2008.
Para a nacionalista, esta “contrarreforma” provocará máis deterioro na sanidade porque “consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico e afecta negativamente á calidade asistencial”. A nova lei, é “un paso adiante do Partido popular para seguir recortando no servizo público sanitario”.
Pontón cualifica de acto de “soberbia e desprezo á opinión dos cidadáns” o modo autoritario que o PP con Núñez Feijóo á cabeza confunde a maioría absoluta con actuar como un “goberno despótico” que despreza as demandas dos cidadáns nas rúas rexeitando a reforma da lei de Saúde.
A portavoz nacional e do grupo parlamentar advirte ao Partido popular que terá “enfronte ao BNG” ante este novo recorte que suprime catro áreas sanitarias e rebaixará as prestacións sanitarias nos hospitais comarcais. O modelo do PP, “é un modelo falido” nun país cunha grande dispersión poboacional como Galiza.
Pontón anuncia un “intenso traballo político” coas organización sindicais e a plataforma S.O.S Sanidade Pública para defender o dereito á saúde e poñer en marcha “un grande fronte social” contra os continuos recortes do Partido popular e a súa política de “impostos á enfermidade”.
O PP E AS PORTAS XIRATORIAS
Para a portavoz nacional do BNG, o Partido popular quere facer “un negocio” coa saúde das persoas e recentralizar servizos que logo utiliza como “portas xiratorias” como aconteceu recentemente, dixo coa ex-conselleira de sanidade.
O BNG non vai permitir que o PP siga na senda dos recortes e a defensa da sanidade pública galega será “o noso cabalo de batalla” contra a política privatizadora do Partido popular. O BNG pedirá no Parlamento a retirada da nova lei de Saúde.