A deputada defendeu 200 emendas a un texto que desgaleguiza a lexislación galega, desprotexe o patrimonio cultural e representa una política de defunción do noso patrimonio cultural
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe, no debate do informe da ponencia do Proxecto de lei do patrimonio cultural galega que a nova lei do Partido popular nace morta. A deputada defendeu 200 emendas a un texto que, na súa opinión, desgaleguiza a lexislación galega, desprotexe o patrimonio cultural e representa una política de defunción do noso patrimonio cultural.
O BNG pide ao PP que reconsidere a nova lei que rebaixa a actual
A deputada fixo un chamamento ao Partido popular a reconsiderar o feito de que na actualidade, contemos cun marco legal aceptable aprobado por unanimidade e agora o Partido popular avanza en solitario desfacendo os consensos construídos con anterioridade nesta materia.
Pontón insistiu en que a lei non conta co apoio da oposición nin o sector cultural que xa alertou dunha lei que da un paso atrás e non dota a Galiza de maiores recursos para protexer un patrimonio, rico, extenso e que neste momento, ten unha parte importante de destrución.
O BNG propón eliminar os privilexios da Igrexa católica
A deputada salientou parte das emendas do BNG presentadas ao proxecto de lei entre as que destacou a relativa á eliminación de privilexios da igrexa católica. Neste sentido, explicou non entender as razóns desta excepcionalidade sobre todo porque o modelo de conveniar coa igrexa católica o réxime de protección só serve para que a igrexa decida o uso da maior parte dos fondos e non a inversa, e dicir, que haxa unha corresponsabilidade social coa igrexa cos bens de interese para Galiza e o seu acceso. Mantemos un Panteón de galegos Ilustres en mans da Igrexa católica que nin sequera garante un acceso en condicións dignas, hai que facelo pola porta de atrás e a través do Museo do Pobo galego. Dende o BNG, recalcou Pontón, propoñemos a eliminación dos privilexios da igrexa católica.
A deputada preguntou porqué non foi aceptada a emenda nº10 relativa á proxección exterior da Cultura e Patrimonio galego, a pesar de estar recollido na actual lexislación?. Tamén consideramos, dixo, que a nova Lei desgaleguiza a actual lexislación ao eliminar os inventarios. O feito de que se incluirán bens de interese cultural, bens catalogados e bens inventariados respondían ás necesidades da protección patrimonial porque hai bens que dende o punto de vista enolóxico son relevantes pero que non contan coa catalogación BIC como por exemplo os hórreos e outros elementos que deberían ter algún tipo de amparo. Pensamos que o feito de non desenvolver catálogos e inventarios responde a deixadez da Xunta máis non porque esta catalogación non tivera sentido en Galiza, tendo en conta que son figuras que hai que recoller porque forman parte do noso patrimonio, diferente ao de outras partes do Estado español.
Axilizar os trámites para a declaración BIC
Outro dos aspectos destacados pola nacionalista é o referido a desburocratización e axilización da declaración de bens de réxime cultural, temos un réxime demasiado estrito que require tres informes e prazos moi prolongados. Nós propoñemos que a Xunta teña a obriga de responder ante a desestimación dun Ben de Interese Cultural nun prazo de dous meses e que só sexa preciso un informe dunha institución que acredite que ese ben poda ser declarado BIC. Ademais, engadiu que cando sexa incoado un expediente non sexa necesario agardar tres anos para iniciar de novo o trámite, pedimos maior axilidade.
Na súa intervención a deputada aludiu ao catalogo do patrimonio cultural de Galiza do que dixo, establece unha limitación a que datos deben facerse públicos polo que incluímos a necesidade de garantir a accesibilidade a todas as persoas con diversidade funcional para garantir o acceso ao patrimonio.
A parlamentaria tamén sinalou a falta de rigor da nova lei sobre os réximes de control do patrimonio arqueolóxico que cualificou de disparate e contrarios ás convencións internacionais do patrimonio polo que propuxo crear arqueotecas para conservar e restaurar os bens arqueolóxicos.
Blindar aos traballadores e traballadoras de patrimonio
Ana Pontón rematou a súa intervención lembrando o decreto que limita o período de actividade das persoas que traballan en restauración, posta en valor e investigación do patrimonio artístico. Cremos que é un erro esta limitación e non entendemos como por exemplo una persoas que fai unha escavación nun castro non se lle permite despois realizar visitas didácticas para explicar o traballo realizado. Hai unha demanda dos traballadores e traballadoras para salvagardar o seu traballo e nós agardamos que o Partido popular rectifique e incorpore a emenda do BNG para blindar que os traballadores e traballadoras podan ter unha intervención e non concibir que todo o que se fai en patrimonio é turismo porque iso é un paso atrás.
O proxecto de lei continua o seu tramite parlamentario ata a súa aprobación en sesión plenaria.