A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizará a sesión de control ao Goberno para pedir ao presidente da Xunta que explique o “desolador” balance da súa década ao fronte do Executivo galego en materia de autogoberno: Dez anos, cero competencias.
“Este dato fala por si solo da súa falta de ambición política para este país que nos fai perder oportunidades, que conduce a Galiza a irrelevancia, que demostra que non ten nin capacidade, nin interese para defender unha axenda galega ante o Goberno do Estado”, salientou a viceportavoz segunda, Montse Prado, tras a xunta de portavoces. “Así foi durante dez anos de subordinación a Raxoi, e parece que vai seguir o mesmo camiño con Sánchez, sen estratexia real en beneficio do país”.
“Nin Policía autonómica, nin salvamento marítimo e loita contra a contaminación, nin portos, nin inspección de traballo, nin ordenación do litoral, nin inspección e vixilancia pesqueira, tráfico, nin AP-9”, argumentou, “queremos que explique como alguén que proclama que Galiza é a súa prioridade non quere instrumentos para mellorar as condicións de vida dos galegos e das galegas.
A modificación da lei de portos, “para evitar o abuso das taxas”, e ALCOA tamén serán obxecto de debate por parte do BNG. Prado lamentou a falta de iniciativas concretas de Xunta e Estado, -“Feixóo nin sequera cumpre cos acordos aprobados nesta Cámara”-, e demanda garantías para manter a continuidade e o emprego na fábrica coruñesa, “mesmo coa intervención da SEPI se fose preciso un rescate para o público. Fíxose coas radiais madrileñas e coa banca, porque non coa factoría coruñesa”.
Entre as iniciativas plenarias do Bloque a oposición “rotunda” á proposta do PSOE de impoñer peaxes nas autovías.
“Non temos pouco coa estafa coa AP9, agora resulta que pretenden que tamén paguemos polas autovías que construímos a base dos nosos impostos, e dicir, pagar dúas veces”, criticou Prado, tras sinalar que esta pretensión ten un afán recadatorio e supón un risco para a seguridade viaria, pois expulsará de vías máis seguras ás persoas usuarias que non podan pagalas.
Plan de exhumación
Ás portas dos 40 anos de Constitución, o Bloque presentará en pleno unha iniciativa para acabar “cunha das grandes vergoñas” do réxime consagrado nesa constitución: O feito de que “milleiros de vítimas do Franquismo aínda estean abandonadas nas cunetas”.
O BNG recolle unha resolución aprobada no debate da nación galega e con esta iniciativa “dámoslle concreción e comprobaremos se o PP está por levar a cabo un compromiso real para elaborar un Plan Galego de exhumación, identificación das vítimas e devolución ás familias co obxectivo de darlles un enterramento digno. “Non pode quedar ao voluntarismo da iniciativa privada”, alegou.
En pé de guerra
A sanidade volvera ser obxecto de debate para interpelar ao Goberno polas medidas que vai adoptar para atender as demandas duns profesionais en pé de guerra, tanto en primaria como nos centros hospitalarios. “Están ao límite, traballando moitas veces nunhas condicións que cualifican de extenuación”, recalcou Prado.
En relación á comisión “autoexculpatoria” do PP, a viceportavoz segunda deixou claro que o BNG non vai actuar “nin como cómplice, nin como comparsa dunha comisión que é calquera cousa menos de investigación”.
“Non imos avalar unha comisión na que se amordaza aos grupos da oposición”, salientou, tras alegar que a única explicación para vetar o plan de comparecencias das outras forzas políticas “é que o PP ten pánico a que se escoite a versión das voces críticas, das voces de quen sofren os recortes e as privatizacións”.