Tempo de desconto para salvar ALCOA-San Cibrao a través dunha solución legal e viable que o BNG puxo sobre a mesa desde o primeiro minuto: intervención pública do Estado e da Xunta para nacionalizar a factoría garantindo produción e emprego e o futuro da Mariña.
Para iso, a líder do BNG, Ana Pontón, remite unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, cun chamamento urxente para ambos: que se senten na mesma mesa de inmediato e traballen unidos para salvar unha fábrica clave para Galiza e a única de produción de aluminio primario en todo o Estado.
“Deben sentarse hoxe mesmo para concretar os termos desa nacionalización así como as aportacións que vai facer cada quen. Desde o BNG levamos meses dicindo que esta era a solución, Xunta e Goberno central apostaron por outra vía, que agora vemos que non dá froitos, e polo tanto tócalle a Sánchez e a Feixóo, man a man, mover ficha e sen perder nin un minuto máis, ofrecer unha proposta de intervención pública para salvar os case mil empregos directos e buscar unha vía de futuro”, demandou a portavoz nacional.
É unha proposta legal e viable, -alegou-, que xa teñen posto en práctica países como Alemaña ou Portugal e que nada impide que se faga tamén en San Cibrao, se hai vontade política. “Por que a señora Merkel en Alemaña líder dun goberno de dereitas pode nacionalizar Lufthansa por considerala estratéxica e en España o que presume de ser un goberno progresista non pode facer o mesmo con ALCOA sendo clave para Galiza e a única fábrica de aluminio primario do Estado?”, interpelou Pontón, quen tamén destacou o seu convencemento de que se a factoría estivese localizada en Madrid “xa habería sobre a mesa unha proposta de nacionalización pero parece que para os partidos estatais os problemas de Galiza non contan, que deixen de buscar escudas e se poñan a traballar. Desde o BNG imos dar a batalla para que se adopte esa solución que é legal, posible e viable”.
Neste sentido, salientou que hai recursos para facer esa intervención tendo en conta o fondo COVID europeo con 140.000 millóns de euros. “Sería de delito que habendo unha solución e coa crise na que estamos inmersos Estado e Xunta permitiran que se perda emprego industrial, que deixaran caer ALCOA na Mariña cando o que necesitamos é xusto o contrario. A solución existe, só hai que ter vontade política para levala a cabo”, alegou.
Mobilización exemplar na Mariña
Pontón fixo un recoñecemento expreso aos traballadores e traballadores e ao conxunto da sociedade da Mariña en defensa da continuidade da produción e do emprego “cunha mobilización exemplar e desde a unidade”, a mesma que a líder nacionalista reclama ao Goberno central e á Xunta para levar adiante esa necesaria intervención pública seguindo o exemplo adoptado por Italia no caso de ALCOA en Cerdeña, na que o goberno do país alpino adquiriu a factoría para máis tarde vendela pero mantendo unha participación pública e mesmo unha participación do en mans do persoal.
“Non é tempo de escusas senón da solucións. Se en Alemaña e en Portugal é legal nacionalizar empresas porqué non en Galiza? Os dous gobernos deben tomar decisións: imos seguir fabricando aluminio primario si ou non?”, interpelaba a líder do Bloque, “Xunta e Goberno central teñen que poñerse man a man, sentarse na mesma mesa e concretar esa nacionalización que permita salvar a produción e o emprego na Mariña”, recalcou, “Feixóo ten que dar un paso ao fronte e dicir cal vai ser a aportación do goberno galego en ALCOA, non ten sentido que no futuro da factoría pese máis un fondo especulativo que o executivo do país”.
Axilizar constitución e traballos na comisión de reactivación
Pontón tamén expresou a vontade do Bloque de axilizar a constitución e o funcionamento da comisión de reactivación económica, social e cultural, “porque a sociedade no pode esperar meses e o Parlamento ten que traballar con axilidade para dar respostas a un crise sen precedentes que ten provocado unha caída do 18% do PIB e un grave impacto en empresas, emprego e sectores produtivos”. Por iso, avanza que o Bloque proporá na xunta de portavoces que se reúne mañá a constitución da comisión para que antes de que remate o ano teña conclusións e alternativas para saír da crise económica e social.