Ana Pontón insta a mobilizarse este 25X a todas as persoas que reivindican Galiza e unha saída da crise “xusta e social”

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Acto público na Coruña dentro da campaña previa ao Día da Patria, que o BNG celebra por todo o País baixo o lema Gañarmos o futuro

Destaca que no medio da maior crise de prezos en 40 anos, “a principal preocupación do BNG son as condicións de vida dos galegos e galegas”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun acto público na Coruña, xunto co portavoz municipal, Francisco Jorquera, dentro da campaña do BNG con motivo da celebración do Día da Patria que desenvolve por toda Galiza, antes da manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela, unha campaña que este ano leva por título Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha.

A líder do Bloque instou a participar nesa manifestación a todas as persoas “que queren unha saída xusta, social e galega” da crise.

“Co lema deste 25X queremos trasladar a mensaxe de que o cambio político está en marcha co BNG, cambio que pasa por facernos valer como País”, indicou Pontón, que fixou un chamamento “a sumarse a unha manifestación a toda as persoas que reivindican Galiza e que reivindican unha saída xusta, social e galega a esta crise económica”, destacou, tendo en conta que este Día da Patria “ten como singularidade” a escalada de prezos que impacta na maioría social e ten tamén como pano de fondo “unha situación de cambio político que se vai deixar sentir xa nas eleccións municipais”.

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Neste contexto, o Bloque está poñendo sobre a mesa propostas solventes para axudar ás familias, á clase traballadora, ás persoas autónomas e ás pequena e medianas empresas que sosteñen a maior parte do emprego, “porque as condicións de vida dos e das galegas é, a día de hoxe, a principal preocupación do BNG ante a maior crise de prezos e corenta anos”, explicou.

Pontón criticou que a un Executivo do PP “ausente e con presidente insubstancial que en vez de aportar solucións busca escusas e a quen botar a culpa” e, lonxe de aportar solucións, vai na dirección contraria aprobando unha lei que sube o prezo da auga a miles de galegos e galegas ou suprime a tarxeta básica coa que as familias con menos recursos sufragaban a compra de alimentos e medicinas.

“Estamos ante un Goberno do PP insensible, instalado no canto peor para a maioría social deste País, mellor para os seus intereses electorais en Madrid, un goberno que quere obter réditos electorais do sufrimento da xente”, denunciou Pontón.

“Este 25X é un día para reivindicar que ganen os e as traballadoras, as familias, as persoas autónomas e as PEMES e, por iso, convidamos a mobilizarse a todas as persoas que queren que nesta crise gane a maioría social fronte ás eléctricas, as petroleiras e ás grandes multinacionais, convidamos, en definitiva, a mobilizarse a todos os galegos e galegas que defenden algo de tan sentido común como que un traballador e traballadora poidan chegar a fin de mes”, proclamou na súa intervención.

O BNG é a “ferramenta” para ese cambio galego e seguirá traballando “con humildade pero con toda a convicción para seguir sumando máis cidadanía para ese cambio”, e cada vez hai máis galegos e galegas que se preguntan porqué temos que depender dos alimentos de fora mentres temos un rural abandonado; porqué temos o territorio cheo de eólicos e encoros pero pagamos unha factura desorbitada ou porque no noso litoral e no noso mar deciden a centos de quilómetros nos despachos de Madrid.

“Cada vez son máis as persoas que queren un cambio e saben que o BNG é o motor dese cambio para construír unha Galiza mellor”, concluíu Pontón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG