Ana Pontón insta a Galiza Nova a sumar máis mozos e mozas ao proxecto de País dun BNG capaz de darlle futuro á mocidade

Acto Galiza Nova
Acto Galiza Nova

Anima á xente moza “rebelde e inconformista” a construír “outra Galiza posible” na que non teña que elixir entre precariedade ou emigración

A portavoz nacional, Ana Pontón, animou a Galiza Nova a sumar “cada vez máis mozos e mozas” ao BNG, a única forza política “coas mans libres” e “cun proxecto de País capaz de darlle oportunidades á mocidade”. Así o manifestou no acto que cada ano celebra a organización xuvenil para homenaxear a Rosalía e Castelao,  no que apuntou como reto “chegar a toda a xente moza” que comparte co BNG “as ganas de construír unha Galiza con futuro”.

“Precisamos a toda esa mocidade rebelde e inconformista para construír esa outra Galiza posible”, incidiu, ao tempo que facía un chamamento a “traballar con vocación de conquistar á maioría social”. Pontón recalcou que hai moitas maneiras de sentirse galego e galega, tamén entre a xente moza, pero que todas son necesarias para construír un País mellor e, neste sentido, recordou o “papel decisivo” que xogou a mocidade no histórico resultado acadado polo BNG nas pasadas eleccións galegas.  

Neste contexto, apelou aos mozos e mozas a rebelarse fronte aqueles que lles están fallando e que lles deixan unha Galiza na que teñen que escoller “entre precariedade ou emigración”, na que ter acceso a unha vivenda “é misión imposible”, rebelarse fronte aos que limitan os seus proxectos de vida.

Fronte aos que acusan á xente moza de “ser moi cómoda” ou “querelo todo feito”, Pontón contrapuxo a unha mocidade “sobradamente preparada e comprometida” que pelexa por unha sociedade inclusiva, diversa e tolerante, onde cada quen poida amar como queira e ser o que queira ser, que defende os servizos públicos e un ensino de calidade, loita contra o cambio climático ou enche as rúas de feminismo cada 8 de marzo.

“Sodes as xeracións de mozos e mozas orgullosas da nosa lingua, da nosa cultura, as que bailades, cantades e namorades en galego, a lingua que escribiu Rosalía e na que ilustrou Castelao”, asegurou a líder nacionalista, quen mostrou o seu convencemento de que “a Rosalía e o Castelao de vinte anos, hoxe militarían en Galiza Nova”. “Sodes a vangarda e, estou segura, ides dar resposta aos grandes retos que temos por diante como País”, proclamou.   

Neste sentido, recordou que o proxecto de País que representa o BNG é “a gran esperanza para miles de galegos e galegas” que ven na formación nacionalista a “única alternativa real” para poñer en marcha a “mellor versión de Galiza”.

Unha Galiza que non se rende ao centralismo, que pon ás familias e á clase traballadora por riba das multinacionais, que lle planta cara ao espolio eólico e que coloca ás persoas no centro fronte aos que fan negocio coa saúde e coa vellez, exemplificou Pontón, quen tamén reafirmou o compromiso do Bloque con “esa maioría que acolle cos brazos abertos ás persoas refuxiadas que foxen das guerras ou da miseria”. “Veñan de onde veñan e teñan a cor de pel que teñan, sen discriminacións, sen dobres varas de medir”, recalcou.  

A portavoz nacional indicou que o pasado 18 de febreiro se puxo en marcha un “cambio imparable” no País que vai permitir, máis pronto que tarde, construír unha Galiza mellor e con futuro. “E imos facelo con vós, coa mocidade, e man a man con todos os galegos e galegas, cada vez máis, que saben que hai outra Galiza posible”, concluíu.

Defensa da mocidade

Pola súa parte, a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, destacou o carácter especial da homenaxe a Rosalía e Castelao deste ano xa que chega despois da semana da Patria que desenvolveu a organización xuvenil e que cualificou de “histórica” e, tamén, porque “é a primeira coa nova imaxe de Galiza Nova” e na que Mocidade, o seu voceiro oficial, “chega á súa edición número 50”.      

"É un orgullo ser militante de Galiza Nova e temos a misión de seguir co legado de Rosalía de Castro e Daniel Castelao, que fixeron todo canto estivo na súa man polo noso País”, afirmou Gómez, quen asumiu a misión “de seguir defendendo os dereitos da mocidade galega” e de “seguir firmes na defensa de Galiza fronte as grandes ameazas que a atacan cada día”.

Por último, no acto tamén interveu tamén Alba Quiroga, unha das novas militantes da organización xuvenil, e quen amosou o seu “orgullo” por formar parte de Galiza Nova, “compartindo tardes de traballo coas compañeiras” e participando “desta loita e deste cambio imparable cara unha Galiza ceibe”, concluíu.      

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG