xerais 2023

Ana Pontón: “Un grupo galego forte do BNG en Madrid defenderá a rexeneración integral das nosas rías”

Illa de Arousa
Illa de Arousa

“Temos o mellor produto marisqueiro do mundo e necesitamos apoialo e poñer fin á discriminación do Estado con Galiza”, declarou

Carme da Silva: “É preciso que os intereses de Galiza e do seu mar se decidan aquí, no quilómetro cero, non a 641 quilómetros”

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe a un encontro con mariscadoras da Illa de Arousa para coñecer as súas demandas e trasladarlle as propostas do BNG para este sector estratéxico en Galiza. Na xuntanza estivo acompañada pola cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva.

“Desde Madrid vese moi lonxe a costa galega e non se atenden as necesidades do noso sector do mar, fundamentais para a economía galega e con moita potencialidade para o noso futuro se se toman as decisións adecuadas”, indicou Pontón.

A portavoz nacional explicou como “os sucesivos gobernos do Estado, antes do PP e agora do PSOE, discriminan e ignoran os asuntos importantes para Galiza como a rexeneración das rías”. A líder do BNG destacou a importancia de cambiar esta discriminación por atención “facéndonos valer en Madrid a través dun grupo galego forte no Congreso da man do BNG”.

Pontón quixo deixar claro o compromiso do BNG á hora de “defender a rexeneración integral das nosas rías, pero desde a forza dun grupo galego forte que nos dará a capacidade de defender o noso sector marisqueiro e de condicionar a política de Estado a favor dos nosos sectores produtivos”. Para isto, o Bloque propón un grupo de medidas concretas a defender no Congreso.

A primeira delas céntrase nun Plan integral de rexeneración das rías galegas. A segunda das medidas ten como protagonista unha rede de bases de loita contra a contaminación do medio mariño ao longo de todo o corredor marítimo fronte á costa galega. “Temos 1.500 quilómetros de costa, un ecosistema de extraordinaria riqueza, ambiental e produtiva que precisa un sistema de protección á altura”, lembrou Pontón.

A terceira das medidas fundaméntase na aposta polo produto nas nosas rías, “xa que a orixe do produto galego debe estar clara ante o consumidor, tanto por transparencia para o comprador como porque é un elemento de competitividade para o produto do país”, puntualizou.

Marisqueo
Marisqueo

A cuarta proposta céntrase na mellora das condicións laborais das mariscadoras. Pontón subliñou que “é importante recoñecer como enfermidades laborais as doenzas que parecen estas traballadoras tras horas de pé na area e no mar e promovendo coeficientes redutores da idade de xubilación”.

Carme da Silva, cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra

A candidata do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra para o 23X, Carme da Silva, destacou no encontro con mariscadoras na Illa da Arousa que é necesario achegar a Galiza o lugar de toma de decisións sobre os asuntos do mar, xa que segundo lembrou dende o Porto do Xufre “estamos a 641 quilómetros do Congreso dos Deputados en Madrid, o lugar de onde se toman moitas decisións que afectan á vida diaria de todas as persoas que viven do mar”.

A nacionalista subliñou que Galiza precisa ter a capacidade política de tomar decisións e decidir para que se teñan en conta todas as necesidades dunha das maiores riquezas do país. “Para que rexeneren as nosas rías, para que se rexenere o litoral, para que se teña en conta e se melloren as condicións sociolaborais de todas as persoas que traballan no mar, xa que moitísimas mulleres tanto a pé como a flote que traballan do marisqueo precisan que as súas enfermidades laborais sexan recoñecidas... Por todas estas cousas e por outras que tamén teñen que ver co traballo no mar é preciso que Galiza teña un grupo forte en Madrid, que teña un grupo para defender todos estes intereses e para que as necesidades da Illa se decidan aquí, no quilómetro cero, non a 641 quilómetros”, salientou.

O 23X: un grupo galego forte para que Galiza conte

“Este 23 de xullo imos a por todas co obxectivo de ter un grupo galego forte en Madrid para facer valer os intereses dos galegos e as galegas ante o Estado” declarou a líder nacionalista, alegando que “este é o momento de Galiza”.

“Nesta campaña imos escoitar que non. Que Galiza non pode ter un grupo galego forte no Congreso como teñen os vascos e os cataláns, pero no BNG imos demostrar que podemos vencer aos do non e converter o que é imposible en posible” subliñou Pontón. “Xa se nos dixo que non iamos ser a alternativa ao PP e demostramos que si”, indicou a líder do Bloque, engadindo que “hoxe o BNG está máis preto que nunca de derrotar ao PP en Galiza e que teñamos por primeira vez unha muller na presidencia”.

Como segunda reflexión, Pontón puxo sobre a mesa que “este 23X non hai que votar polo mal menor nin por medo”. “Pídolle aos galegos e ás galegas que voten con ilusión, que voten coa cabeza e co corazón, que voten por rematar coa discriminación do centralismo co noso País, e que voten por facer respectar Galiza en Madrid sabendo que a única forza que ten as mans libres e que non lles vai fallar é o BNG”, indicou.

Pontón lembrou tamén que “o BNG non vai fallar na defensa de Galiza nin na defensa de máis dereitos e liberdades”. “Seremos un muro de contención para frear esa dereita que vai de ganchete coa extrema dereita e quere facernos retroceder. No BNG dicimos nin un paso atrás”, indicou a portavoz do Bloque.

“Este 23X Galiza xógase ter máis peso político e defender os seus intereses. Nestas eleccións no BNG saímos a por todas, sen poñernos límites e cun obxectivo moi claro: conseguir un grupo galego forte no Congreso para que se escoite a voz dos galegos e as galegas que queren contar ante o Goberno do Estado” concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG