Galegas 2020

Ana Pontón: "Un goberno liderado polo BNG terá como eixo prioritario a defensa do sector pesqueiro e marisqueiro"

Acto Rianxo
Acto Rianxo

Apela ás persoas que se mobilizaron contra a megaminería para defender a Ría que repitan esa rebeldía e o 12X facer historia cunha muller nacionalista na Presidencia

Rivas avanza “políticas valentes” que permitan desenvolver todo o potencial económico e de creación de emprego nos sectores produtivos da comarca Arousa

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o acto de Rianxo para pedir unha mobilización masiva nas urnas capaz deixar atrás a Galiza “minguante” que nos deixan once anos de goberno do PP e abrir un tempo novo cun goberno de país capaz de facer valer os intereses de Galiza, algo que só é posible baixo o liderado do BNG.

“Galiza precisa, dunha vez por todas, un goberno que faga valer os seus intereses, que non ese achante, que non se subordine e quen non diga si bwana ante a discriminación que ven de Madrid ou que ven de Bruxelas. E aquí, en Rianxo, no corazón da Ría de Arousa-Barbanza, -a máis produtiva do mundo-, a defensa do país é a defensa do sector pesqueiro e marisqueiro, a defensa do país e ter capacidade de decidir sobre o noso mar, sobre as nosas rías, porque Galiza é unha nación pesqueira por moito que en Madrid e en Bruxelas non se entesaren aínda”, saliento no acto con militantes e simpatizantes.

“Non se pode decidir sobre o noso mar, sobre as nosas rías nun despacho de Madrid, nin de Bruxelas, temos que decidir desde aquí, e ese é o meu compromiso se a partir do 12X se teño a responsabilidade de liderar o Goberno: converter o sector pesqueiro e marisqueiro nun eixo prioritario da actuación política e estaremos á altura como estivo a veciñanza de Rianxo e da comarca mobilizándovos contra o megraproxecto da mina de Touro, saíndo a rúa e dando a cara para salvar esta ría”, alegou.

Acto RianxoTras destacar que da pesca e do marisqueo viven, directamente ou indirectamente, 120.000 galegos e galegas., Pontón avanzou algunhas das medidas de goberno a favor deste sector, fronte a un PP que consente as medidas impostas para reducir actividade, para reducir cotas e para despezar barcos, e apostar por un Goberno coas mans libres para defender o sector en todos os foros.

Entre as propostas para a pesca e o marisqueo acabar co principio de estabilidade relativa e conseguir un reparto xusto das cotas de pesca, defender a soberanía sobre o noso mar e por saneamento das rías e recuperación de bancos marisqueiros, -“ben sabedes en Rianxo e na comarca o emprego e a riqueza que se podía ganar coa rexeneración integral das rías”- e poñer en marcha, en colaboración co sector e a comunidade científica, reservas mariñas e plans de xestións para conseguir que lograr igual ou maior rendemento económico, con menos capturas.

Pontón tamén destacou a aposta por dar valor aos produtos das nosas rías, indicando a trazabilidade como coa DOP Mexillón de Galiza e a xestión dos fondos europeos de pesca para decidir desde aquí as prioridades. “Todo isto é posible se a partir do 12X abrimos un tempo novo no que Galiza teña un goberno que faga valer os intereses do país e se facemos historia de tal xeito que, por primeira vez, unha muller e nacionalista asuma a Presidencia”.

“Temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política”, indicou, poñendo como alternativa “o proxecto autocentrado, innovador do BNG que aposta por blindar os servizos públicos, como a sanidade ou os coidados das persoas maiores, unha cuestión máis urxente que nunca tras a COVID19”. “Somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar”, alegou.

Aposta polos servizos públicos

O candidato pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas, tras lembrar as figuras de Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, “rianxeiros de nación”, apelou ao seu legado para “soñar outra Galiza” libre das políticas “involucionistas” do PP.

Rivas centrou a súa intervención nos dereitos sociais e na defensa do sector pesqueiro, como fixo o BNG en Bruxelas da man da eurodeputada Ana Miranda co frota co xeito. “Levou unha mochila de Rianxo, que sabe a sardiña e a mar, centro do mundo do xeito, unha arte centenaria respectuosa co medio”.

De cara á cita coas urnas, salientou que a súa candidatura “vai a por todas” co obxectivo de “arrebatarlle o goberno a quen tanto maltrata ao país, para substituílo por un que, baixo a batuta de Ana Pontón, aplique políticas para afianzar os dereitos e as liberdades, para dar benestar social, para poñer en valor todo o noso potencial e converter Galiza nun lugar no que vivir e traballar”.

Rivas comprometeu “políticas valentes que dinamicen a nosa economía, fortalezan os servizos públicos, políticas contra a violencia de xénero, políticas que defendan a nosa industria e aposten por pechar os ciclos produtivos e xerar valor engadido con emprego de calidade, tomaremos en serio o monte e a súa reordenación. Aquí, -dixo,- sabedes do que falo, dos incendios, do lume que vos roubou máis de mil hectáreas”, salientou.

“Nós cumprimos co pobo porque somos pobo e así o demostra o BNG alí onde goberna como aquí en Rianxo con Adolfo Muíños, capaz de sacar adiante vellas demandas da veciñanza como o centro de día, pese aos paus nas rodas da Xunta do PP. A partir do 12 de xullo, Rianxo terá un aliado no goberno galego a favor da veciñanza deste concello e desta comarca”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG