No vindeiro pleno, manifestou Pontón, é preciso facer un balanzo da violencia machista e situar esta realidade no centro do debate político. Estamos ante unha “situación moi grave” contra a que os poderes públicos non actúan con “contundencia” polo que pediu máis medios e recursos e cumprir a Lei contra a violencia de Xénero.
Para nós, o que está acontecendo só podemos cualificalo de “terrorismo contra as mulleres” e esa será a pregunta que lle formularei a Núñez Feijóo porque o machismo leva asasinado a máis mulleres en todo o Estado español que o terrorismo. Dende o ano 2000 foron recoñecidas 678 vítimas de terrorismo mentres que o machismo asasinou a “1.081 mulleres, das que 59 eran galegas” e a pesar destes datos vemos como o “terrorismo machista” segue sen ocupar ese primeiro plano no debate político. O Estado español, os poderes públicos e a Xunta de Galiza deben abandonar “o conformismo e a rutina” e mellorar a resposta contra violencia de Xénero.
Asemade, criticou que o Goberno galego “non estea a facer os deberes na loita contra a violencia machista” e criticou a baixa execución dos orzamentos en política de Igualdade, cun 53% e un 5,9% nos programas de conciliación.
A XUNTA LANZA UNHA CAMPAÑA QUE OFENDE ÁS MULLERES
A Xunta, en vez de facer campañas de sensibilización contra a violencia de xénero preséntanos unha campaña do 25 de Novembro que repite os “estereotipos e cousificación das mulleres” polo que a portavoz nacionalista pediu retirar a campaña publicitaria e que a Xunta non insista teimosamente nunha campaña que ofende ás mulleres e resulta “contraproducente” para loitar contra a violencia machista.
O BNG PIDE QUE O PARLAMENTO SE PRONUNCIE CONTRA A APLICACIÓN DO 155
Para a portavoz do BNG, o Parlamento galego debe pronunciarse contra a aplicación do artigo 155 por representar unha “ameaza” contra os dereitos e as liberdades públicas. Neste sentido, avanzou que o BNG proporá responder con este pronunciamento á “maior involución producida durante 40 anos no Estado español”. Debemos pronunciarnos contra aplicación “ilegal” do 155 que pon en grave risco a democracia e o noso poder para tomar decisións, concluíu.