A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu o dereito de Galiza a decidir en Europa “con voz e voto” sobre todos aqueles asuntos que lle afectan directamente, como é o caso da pesca, que exemplifica o “moito que se xoga” Galiza nas eleccións europeas e de como as decisións que se toman en Bruxelas afectan ás posibilidades de desenvolvemento económico do País.
A líder nacionalista defendeu a condición de Galiza como nación pesqueira na que concellos como Moaña, Cangas ou Bueu non se entenden sen a súa relación co mar. “Queremos seguir sendo unha nación pesqueira porque a xente do mar non pide axudas nin subvencións para desguazar barcos, pide vivir do seu traballo como leva facendo xeración tras xeración”, proclamou nun mitin en Moaña xunto á candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda.
Pontón exemplificou no sector pesqueiro o moito que se xogan os galegos e as galegas nas eleccións do 9 de xuño porque, segundo explicou, “aínda que pareza que Bruxelas queda moi lonxe do Morrazo, a realidade é que alí, se toman cada día decisións que afecta directamente á súa cidadanía da comarca e do conxunto do País”.
Neste sentido, recordou que en Europa se decide dende canto pode pescar a frota galega, ata o ancho e longo dos seus barcos, pasando por “un reparto de cotas inxusto” ou por tentar eliminar as redes do xeito sen saber que son precisamente as máis sostibles. “E non o conseguiron porque alí estaba Ana Miranda defendendo a pesa galega, dándolle voz aos mariñeiros, ás redeiras e a todo o sector”, recordou para poñer en valor o traballo desenvolvido polo BNG na defensa dos intereses galegos na Eurocámara.
Por iso, recalcou a importancia de ter voz propia en Europa, a do “escano galego da man do BNG” xa que é “o equipo da casa” e o único que vai dar a cara en Bruxelas como sempre fixo e como seguirá facendo aínda con máis forza a partir do 9 de xuño, logo de lembrar o papel nacionalista nas institucións europeas en cuestións tan relevantes como o Prestige ou as vítimas do Alvia.
Pontón tamén reivindicou o labor desenvolvido polo Bloque en defensa do sector do mar, na inclusión do porto de Vigo na primeira velocidade da Rede Europea de Transportes, “por certo, co voto en contra do PP e do PSOE”, recordou, ou no impulso da alta velocidade con Portugal, o Corredor Atlántico, a rexeneración das rías ou na defensa do territorio fronte a cobiza das multinacionais.
“En 2013 loitamos en Europa para frear a macromina de Corcoesto e no 2024 estamos loitando para frear a bomba ambiental da macrocelulosa de ALTRI que o PP quere colocar no corazón deste País”, engadiu para recalcar que o escano do BNG “é o que marca a diferenza” na defensa de Galiza, pero tamén na defensa doutro modelo de Europa, unha Europa dos Pobos, social e pacifista”.
Na mesma liña se pronunciou Miranda, quen subliñou a necesidade de que Galiza teña “voz propia” na UE para seguir defendendo “o dereito a vivir da pesca”. “O BNG ten que seguir pelexando en Europa para remar na traíña da pesca”, asegurou, reivindicando o traballo feito en Bruxelas para exixir, entre outras cuestións, que a Política Pesqueira Común considere a singularidade da pesca artesanal e quede excluída dos TAC’s (totais admisíbeis de capturas) e das cotas.
Con este aval, pediu o voto ao BNG para poder defender tamén nas institucións comunitarias o saneamento das rías galegas, outra cuestión de vital importancia para o sector da pesca e o marisqueo e que xa motivou a visita que, a instancias do Bloque, fixo a Galiza unha delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
“A ría de Vigo aínda ten pendente o saneamento integral”, advertiu, para a continuación subliñar o traballo que está a facer o Concello de Moaña cun novo sistema de depuración que, concluíu, debe estar apoiado con fondos europeos e ser aplicado a toda a comarca do Morrazo.