Pontón reprochoulle a Feixóo o trato de favor que dispensa ao empresario venezolano, Juan Carlos Escotet, e pídelle que no coloque os intereses da banca por riba dos intereses do país.
“Deixe de ser un servidor da banca e convértase nun servidor dos intereses deste país”, reclamou, “por que este trato de favor ABANCA? Non lle parece que xa lle fixo suficiente agasallo a ese empresario venezolano, parécelle pouco agasallo darlle a prezo de saldo as caixas galegas rescatadas con 9.000 M€, que máis agasallos lle ten que facer, por que pon o interese dun banco por riba dos intereses xerais e por riba da lei?”, interpelou Pontón.
Tras pedirlle a Feixóo que explique o seu empeño en actuar como “testaferro dos intereses de ABANCA” promovendo un proxecto de universidade privada mesmo saltándose a legalidade. A lei, -explicou-, “estabelece que as universidade privadas ademais da docencia teñen que ter investigación e o proxecto presentado non cumpre este requisito e tamén prohibe a duplicidade de titulacións requisito que tampouco cumpre o proxecto presentando”.
Unha denuncia que formulan, explicou a dirixente, os reitores das universidades galegas. Pontón insistiu en pedir a rectificación de Feixóo para que deixe de poñerlle “a alfombra vermella” a un proxecto privado, mentres afoga á universidade pública cun plan de financiamento insuficiente.
“Desde o BNG facémoslle 3 propostas: cumpra a lei e non siga adiante coa universidade privada da banca; incremente os recursos para as universidades públicas con 30 millóns de euros adicionais en 2020 e empece xa a negociar un novo marco de financiamento coas tres universidades”, sintetizou, tras rexeitar o argumento de que quen promove o proxecto de universidade privada é unha fundación sen ánimo de lucro.
“Que nos diga que ABANCA non ten ánimo de lucro sona a chiste”, -ironizou-, “non se esconda das súas responsabilidades porque é vostede quen decide seguir adiante coa tramitación dun proxecto dándolle patente de corso a unha entidade bancaria para saltarse a legalidade neste país”.
Pontón pide a Feixóo que se poña do lado da universidade pública, “porque sabe que o actual plan de financiamento se impuxo cun 20% de recortes sen darlle outra alternativa ás universidades galegas, e nos orzamentos de 2020 anticipan que van prorrogar o actual plan de financiamento insuficiente que ten afogado o SUG en lugar de empezar a negociar outro novo, é dicir, prorrogar os recortes”, concluíu.