Día da Patria Galega

Ana Pontón ensalza o gran momento dun BNG que demostrou que non ten límites nin teito: “Imos seguir facendo historia”

Ana Pontón (Foto: Xan Muras)
Ana Pontón (Foto: Xan Muras)

“Somos máis que a alternativa ao PP, somos un verdadeiro goberno alternativo con propostas para sacar adiante este País”, proclamou

Nun multitudinario 25X, destaca que o Bloque é a primeira forza en incidencia social e política e a única que defende os intereses de Galiza

Primeiro 25 de Xullo tras o histórico resultado das eleccións galegas e a portavoz nacional, Ana Pontón, quixo aproveitar a multitudinaria celebración do Día da Patria para destacar este fito e poñer en valor o extraordinario momento dun BNG convertido na alternativa ao PP: “Demostramos que non temos límites, nin teito” e, proclamou, “imos seguir facendo historia”, proclamou nunha Praza da Quintana desbordada que quedou pequena para acoller aos máis de 20.000 participantes na habitual manifestación do 25X.

Día da Patria Galega (2024)
Día da Patria Galega (2024)

A líder do Bloque destacou o éxito “sen precedentes” do 18F, tras vivir o ano político máis intenso das últimas décadas que deixou ao BNG como “clara forza gañadora” tras lograr unha implantación social e uns resultados electorais “que hai uns meses só as máis optimistas podiamos soñar”, destacou.

“A confianza nas nosas posibilidades e no noso pobo, o entusiasmo nun futuro mellor para Galiza, a man tendida e o sorriso nos beizos levaron ao mellor resultado da nosa historia”, explicou, “hoxe o BNG está de moda e non é unha moda pasaxeira porque o auxe do BNG responde a unha tendencia de fondo sólida e potente”, recalcou a líder nacionalista,  quen apelou á militancia para seguir consolidando ese avance, desde o convencemento de que en Galiza “hai conciencia de País e amor polo noso”.

Día da Patria Galega (2024)
Día da Patria Galega (2024)

Pontón destacou o “acerto colectivo” cando en 2016 se decidiu dar paso a unha nova liña política, “actualizada e moderna”, que respondía ás aspiracións e preocupacións da sociedade galega; un cambio sen renunciar aos principios. “Cambiamos moito pero hai  algo que se mantivo firme, todos e cada un dos nosos principios e dicímolo con orgullo, no BNG somos nacionalistas, nacionalistas e a moita honra”, salientou.

O resultado dese cambio é un Bloque convertido na segunda forza electoral do País “pero a primeira forza en incidencia política e social, porque somos os únicos que defendemos os intereses dos galegos e das galega”, destacou. Defensa dos intereses dos e das galegas aquí;  en Bruxelas, da man da eurodeputada Ana Miranda, e en Madrid, onde un só deputado demostra ser máis útil na defensa de Galiza que 22 das forzas estatais”, indicou en relación ao traballo de Néstor Rego;  ao que agora se suma a forza que aporta Carme de Silva desde o Senado.

Día da Patria Galega (2024)
Día da Patria Galega (2024)

Pontón deixou claro o compromiso do BNG para usar toda esa “capacidade de incidencia social e institucional” a favor de Galiza fronte a un goberno de Rueda que pon os intereses das multinacionais e das empresas amigas do PP por diante de Galiza.

“Dá vergoña allea velo de axente comercial da portuguesa ALTRI aínda que iso supoña contaminar a nosa terra e o noso mar e a destrución de 4.000 postos de traballo só na ría de Arousa”, denunciou, e fronte a unhas forzas estatais “que venden o País”, os galegos e as galegas poden confiar no BNG “como xa demostramos con ENCE, con Nunca Máis, coa mina de Corcoesto, coa mina de Touro, co boom eólico depredador e volvemos demostralo con ALTRI parando esa bomba ambiental”.

Día da Patria Galega (2024)
Día da Patria Galega (2024)

Campión da propaganda

Un goberno de Rueda incapaz de dar solucións aos grandes retos, ao contrario, en temas clave como o financiamento rema en contra repetindo a falacia de que Galiza é pobre debilitando a posición negociadora de Galiza ante o Estado. Un Executivo do PP “que esconde con propaganda” a realidade das listas de espera, dos 11.000 nenos e nenas sen pediatra, da crise demográfica, dun rural despoboado, da fuga de talento investigador ou que recorta na loita contra a violencia machista.

Día da Patria Galega (2024)
Día da Patria Galega (2024)

“Esa é a realidade que non se ve nunha televisión pública convertida en TelePP, a que deixa un goberno campión da mentira e da manipulación, un goberno anti-galego e submiso ao centralismo”, denunciou Pontón. Fronte a este Executivo que fai que Galiza perda, a “esperanza” dun BNG que nunca estivo tan cerca de facer historia cun goberno nacionalista.

Neste sentido, indicou que hai veces nas que os grandes cambios demoran un pouco máis “do que nos gustaría”, pero deixou claro que o pasado 18F Galiza puxo en marcha un cambio que é imparable, “e depende de nós que non haxa volta atrás, porque hoxe o BNG non é só a alternativa real fronte ao PP, somos un verdadeiro goberno alternativo, con propostas e ideas para sacar adiante a este País”, proclamou.

Día da Patria Galega (2024)
Día da Patria Galega (2024)

Construír a paz

No seu discurso, a líder nacionalista non obvio o contexto internacional “convulso” e marcado polos ventos de guerra, destacando que o nacionalismo galego sempre foi “solidario, antiimperialista e defensor da convivencia pacífica dos pobos”. Por iso, neste momento a prioridade, a tarefa máis urxente “é construír a paz”.

Paz en Burkina Faso, en Somalia, en Sudán; paz en Iemen, en Nixeria, en Siria; paz en Mali, en Ucraína e paz en Gaza. “Cantos mortos máis teñen que producirse para poñer fin ao xenocidio, que máis ten que pasar para que Europa deixe de ser comparsa dos Estados Unidos, da OTAN e do estado criminal de Israel?”, interpelou, trasladando toda a solidariedade e apoio ao pobo de Palestina “até que sexa libre do río até o mar”.

Pontón concluíu a súa intervención convidando a toda a militancia a seguir traballando con máis entusiasmo que nunca polo País: “Somos parte dunha enerxía colectiva que non ten límites, unidas por unha causa común que é Galiza, un gran país cun gran futuro por gañar”, proclamou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG