A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto do BNG en homenaxe a Castelao en Rianxo para reivindicar a vixencia do seu ideario e denunciar a quen, nun cínico exercicio de postverdade, non ten reparo en manipular a súa figura para atacar o seu legado máis importante: O nacionalismo.
“Aínda hoxe é tan potente a súa mensaxe que o españolismo ten necesidade de manipulalo”, salientou Pontón, “porque non se pode reivindicar a Castelao e criminalizar o nacionalismo ou prohibir o noso idioma para ensinar matemáticas ou ciencias”. Por iso, convida a Feixóo “a apropiarse de verdade do seu ideario e levalo á práctica” en lugar de poñerse diante da Derradeira lección do mestre para criticar ao nacionalismo “amosando a súa catadura política”.
Ante o busto do histórico nacionalista, instou a defender as ideas de Castelao “para agrandar e fortalecer ao BNG” de cara a cita electoral do 26M “e abrir un tempo novo en Galiza da man do Bloque porque nos tomamos en serio este país”, como demostra nos gobernos municipais exemplos de transformación a favor da maioría social.
De cara á cita electoral, fixo un chamamento “a traballar con forza, con convicción e con confianza para fortalecer ao BNG como alternativa a un PP que leva a Galiza ao desastre e para poñer freo á involución democrática”. “O reto máis inmediato: Sumar máis apoios nas eleccións municipais e europeas, ensanchar a base social e que todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón saiban que o BNG é a súa casa”, recalcou.
A dirixente do Bloque considera urxente abrir ese tempo novo ante un Feixóo- terminator para Galiza, mesmo en ámbitos tan sensibles como a sanidade pública.
“Está esnaquizando a sanidade a golpe de recortes e privatizacións, xogando coa vida das persoas. E pregúntolle a Feixóo, cantas persoas máis teñen que morrer para que se acaben os recortes no sistema público de saúde?”, interpelou despois de coñecerse que a Fiscalía está investigando dúas mortes o pasado 2 de xaneiro no servizo de urxencia do CHUS colapsado por falta de persoal suficiente.
Un Feixóo-terminator tamén para o emprego industrial mudo cando están en risco 390 postos de traballo en ALCOA, ou cando se comporta como “alumno aplicado do antifeminismo” destinando recursos a grupos que cuestionan o dereito ao aborto, a colexios que segregan por sexos, recortando as axudas ás vítima de violencia machista ou boicoteando a folga de mulleres do 8M.
“Non imos dar nin un só paso atrás” na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra a violencia de xénero, proclamou Pontón, que aproveitou para expresar publicamente o apoio do BNG “á compañeira Adriana”, -concelleira en Rianxo que presentou unha denuncia por violencia machista-, para que se investigue até o final e con todas as consecuencias.
Concellos diferentes
Na súa intervención, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, convidou a seguir o exemplo de Castelao “polo compromiso ético que representa, exemplo de entrega ao pobo e a nación galega, pola súa defensa do noso idioma e cultura”. E, ás portas do 26M, amosou o seu orgullo polas “políticas diferentes” que impulsa o BNG desde os concellos.
“Non somos meros transmisores doutras administracións, contables autómatas facendo o que nos mandan sen pensar, se analizar, sen facer política, porque a nosa veciñanza quere que sexamos altofalantes da liberdade, da xustiza social, de benestar, da defensa da sanidade e de compromiso coa xente”, recalcou.
A tradicional homenaxe a Castelao permitiu á líder do Bloque recalcou o compromiso da forza nacionalista na defensa do país, máxime nun contexto de involución que, advertiu, “non se combate desde o medo”. “Non imos dar un paso atrás na defensa de Galiza, nin á hora de cuestionar unha Constitución que é un corsé para desenvolver o país, á hora de cuestionar unha monarquía medieval, de denunciar a corrupción sistémica do Estado español e na defensa do dereito dos galegos e das galegas a vivir sen discriminacións”, concluíu ante medio millar de militantes e simpatizantes.