A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo nun acto de campaña en Pontevedra coa actual alcalde e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, onde destacou que a recuperación do patrimonio cultural é un dos sinais de identidade do modelo municipal do BNG, poñendo como exemplo a adquisición do convento de Santa Clara.
“A posta en valor do noso patrimonio cultural é un sinal de identidade do BNG e así o facemos en todos os concellos cando temos a responsabilidade de gobernar. A xestión do Museo Pontevedra é un exemplo destacado desa política de valorar o noso, crer no noso, recuperar o noso e darlle a nosa cultura e ao noso patrimonio o papel que se corresponde”, destacou.
Pontón destacou a colaboración entre institucións en materia de patrimonio e felicitou ao Concello e a Deputación polo seu traballo conxunto no Museo de Pontevedra. De feito, puxo o foco “na altura de miras que tanto se bota en falta hoxe en Galiza” que demostrou o consistorio para con este proxecto, “tamén cando o Museo foi xestionado por outra forza política”, remarcou, así como “no impulso” que lle está a dar a propia Deputación porque “sen altura de miras, sen visión de País” non sairían adiante este tipo de proxectos. Neste sentido, colocou ambas institucións como exemplo “de colaboración leal para lograr uns fins que, sen ela, serían imposibles”.
“Cada cidade e cada vila ten dereito a crear a súa propia rede de museos, pero o Museo Nacional de Galiza só pode haber un e debe de ser o Museo de Pontevedra”, argumentou Pontón, quen adquiriu o compromiso de convertelo nese gran museo nacional se é presidenta da Xunta. Alegou como méritos contar con Castelao entre os seus fundadores, os abondosos fondos, instalacións e superficie, que se incrementará tras a rehabilitación de Santa Clara, e a súa integración na cidade, como méritos para ser candidato idóneo a museo nacional.
A líder do BNG instou ao Goberno do PP “a que se sume ao proxecto ilusionante da posta en marcha do Museo de Pontevedra para que todo chegue a bo porto”. Neste sentido, citou 2027 como “oportunidade” para declaralo Museo Nacional de Galiza coincidindo co centenario da súa fundación e comprometeuse a facelo realidade se lidera o próximo goberno galego.
A portavoz nacional destacou que as cidades tamén teñen que buscar sinerxías e complementariedades en ben do conxunto das propias cidades e de Galiza. Algúns pasos se están dando entre cidades, pero quen tiña que liderar este proceso tería que ser a Presidencia da Xunta, mediante un organismo estábel como unha conferencia urbana, onde se propoñan, discutan e se acorden liñas de actuación que reforcen as complementariedades e a especialización de cada unha das cidades. “Se son Presidenta da Xunta, será unha das medidas que porei en práctica”, recalcou.
O Museo de Pontevedra, un éxito para a cidade e para Galiza
O candidato á reelección para a Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o reforzo da colaboración do Concello de Pontevedra co Museo Pontevedra nos últimos tempos, para o que puxo como exemplo a tramitación da rehabilitación dos edificios centrais e a entrega de Santa Clara para o Museo.
Lores tamén anunciou que o BNG seguirá poñendo en valor o patrimonio cultural galego, que contará co BNG dende a Alcaldía de Pontevedra. Ademais, adiantou que o Concello porá todos os esforzos que estean ao seu alcance para lograr o recoñecemento do Museo Pontevedra como futuro Museo Nacional de Galiza.