A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Lalín que o escano do BNG en Europa defenderá os sectores produtivos do País e unha Política Agraria Común (PAC) que se adapte ás explotacións agrogandeiras galegas.
Así o manifestou xunto á candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, nun mitin en Lalín, corazón dunha comarca netamente agrogandeira, onde subliñou o importante papel que xoga a xente do sector para manter un rural vivo e producir alimentos de calidade.
Pontón criticou unha PAC que non ten en conta a realidade do sector agrogandeiro galego e que pon aos grandes terratenentes por diante das pequenas e medianas explotacións, latifundistas que reciben moitas axudas en base a uns “dereitos históricos” que cualificou de “disparate”, simplemente por ter grandes extensións de terra aínda que non produzan nada.
Neste sentido, avogou por poñer fin ás axudas aos “agricultores de sofá” e apoiar a quen realmente produce alimentos de calidade, a quen traballa a terra, a quen mantén un medio rural vivo e activo e a quen, ademais, preserva o territorio.
“Desde o BNG defendemos outra PAC, adaptada á nosa realidade, que en lugar de recortar e limitar, permita desenvolver todo o noso potencial produtivo, porque o sector agrogandeiro é clave para o País”, afondou para reafirmar o compromiso do Bloque na defensa dos sectores produtivos galegos.
A líder nacionalista subliñou que o escano galego, “o escano de País”, que representa o BNG vai defender como fixo sempre “o dereito a producir na propia terra” fronte a unha Unión Europea que decide contra os intereses dos sectores produtivos galegos co aval, e mesmo coa complicidade, dos distintos gobernos do Estado.
“O BNG foi e volverá ser con máis forza a partir do 9 de xuño a voz contra a discriminación dos nosos sectores produtivos e a voz que defenda o dereito a desenvolver todo o potencial do País, empezando polo sector agrogandeiro, porque é a maneira de xerar riqueza e emprego digno na nosa terra”, concluíu.
Pola súa banda e como fixo nos últimos anos, Miranda comprometeuse a seguir sendo “a voz das e dos produtores” en Europa e a combater en Bruxelas a discriminación nas axudas da PAC ás e aos produtores galegos de leite e carne por non adaptarse á súa realidade. Neste sentido, recordou que as axudas directas apenas representa o 12% da renda agraria das explotacións do País, mentres que noutros territorios acaparan máis do 30% dos ingresos agrarios.
“O BNG combaterá esta discriminación histórica que sofre Galiza e tamén reclamará en Bruxelas unha maior superficie agraria útil e que se respecte a forma de distribución territorial que ten o agro galego”, afondou para indicar a continuación a necesidade que as axudas estean tamén mellor orientadas para favorecer o relevo xeracional ou a incorporación das mulleres ao sector agrogandeiro.
Logo de poñer en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos en favor dos produtores e produtoras do País, a candidata nacionalista apuntou ao Deza como unha das comarcas na produción de carne e leite con máis de 50.000 vacas e, neste sentido, defendeu a creación dunha central leiteira que converta á comarca na “principal potencia do leite”, tal e como acontece con Frisia nos Países Baixos.
Miranda denunciou o baixo rendemento das axudas europeas ao desenvolvemento rural pola mala xestión do Goberno do PP, unhas axudas que considerou moi importantes dado que están destinadas á creación de servizos nas zonas rurais e, nesta liña, tamén afirmou que os fondos europeos, como os Next Generation, non deben ser empregados para financiar proxectos como a macrocelulosa de ALTRI, senón para combater o peche de moitas pequenas empresas en comarcas como a do Deza.
De igual xeito, defendeu a necesidade de que os fondos da UE sexan empregados tamén para financiar o saneamento e depuración dos residuos agrarios. “Se queremos combater o cambio climático, temos que axudar ás e aos agricultores e produtores para que teñan unha transición xusta e non impoñerlles máis cargas burocráticas”, rematou.