A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, e o portavoz nacional de ANOVA, Martiño Noriega, asinaron o acordo de colaboración entre ambas organizacións de cara ás vindeiras eleccións galegas do 18F, un pacto que ámbolos dous coincidiron en cualificar como un “acto de responsabilidade” con Galiza e coa cidadanía que quere cambio.
“Con este acordo, o cambio está máis cerca e temos máis forza para gañar”, afirmou Pontón, nunha mensaxe dirixida directamente a “esa maioría social” que quere abrir un novo ciclo político a partir do 18F e deixar atrás os 14 anos de “nefastas políticas do PP que nos están deixando unha Galiza peor”.
Hoxe o #CambioGalego está máis cerca e ten máis forza.
— Ana Pontón (@anaponton) January 14, 2024
Asinamos con @anovagal un acordo para traballar polo cambio de ciclo político o #18F e concentrar o voto no @obloque.
É o momento de multiplicar, non de dividir, para darlle un mellor futuro aos galegos e galegas! pic.twitter.com/gdxM9eKHHD
A líder nacionalista incidiu en que “este é o momento de multiplicar, non de dividir” para poñer en marcha un cambio de ciclo en Galiza no que a clave pasa por “unir arredor do BNG todo ese voto que quere derrotar as políticas do PP e abrir un tempo novo no País”, polo que agradeceu a ANOVA e ao seu portavoz nacional a súa “capacidade de diálogo, a súa actitude construtiva e a súa altura de miras”, nun momento que considerou “decisivo”.
“Estamos nun momento histórico no que o cambio é máis posible que nunca e sabemos que a clave pasa por unir arredor do BNG todo ese voto de cambio, porque é a maneira de derrotar ao PP nas urnas”, recalcou, para destacar a continuación un acordo que pon por diante o interese de Galiza e das maiorías sociais.
Pontón dixo que esta é precisamente a forma de facer política na que cre, “a política que une, que tende pontes e que é capaz de superar as visións curtopracistas e partidistas” e que ambas organizacións desenvolveron para lograr un acordo que reforce as posibilidades dun cambio galego que está pensado no interese da cidadanía e de Galiza. “Iso é o que nos está pedindo a xente do noso País”, indicou, logo de incidir en que con este pacto BNG e ANOVA demostran “que sabemos ler o que nos está demandando a sociedade e que ademais actuamos en consecuencia”.
Neste sentido, agradeceu tamén a ANOVA que “estea a interpretar con intelixencia e xenerosidade” cal é a prioridade política neste momento e que, segundo subliñou, non é outra que “conseguir que neste País haxa un cambio de ciclo, que pasa necesariamente porque o nacionalismo galego presida por primeira vez a Xunta”, facendo historia “cunha presidenta coas mans libres”.
A portavoz nacional do BNG indicou que este acordo exemplifica tamén “o proxecto que quero desenvolver neste País, un proxecto que nos una como galegos e como galegas” e que, segundo salientou, está pensado para recuperar servizos públicos, devolverlle á sanidade o que nunca se lle tivo que quitar, para darlle un futuro mellor á xente moza, para defender o noso mar e, en definitiva, “para construír un futuro mellor para a maioría”.
Pontón aseguro ser consciente de que “hai moita xente que se alegra deste acordo”, unha alegría que apelou a transformar en activismo e mobilización a favor do cambio. “O cambio é posible e hoxe unimos forzas para que sexa real”, indicou, para concluír mostrando o seu convencemento de que “podemos abrir un futuro mellor para o noso País: está nas nosas mans conseguilo, nas mans de todas as persoas que queren cambio o vindeiro 18 de febreiro”.
Nesta mesma liña se pronunciou o portavoz nacional de ANOVA, Martiño Noriega, quen afirmou que “estamos a facer o que a xente nos pedía que fixeramos”, e para quen a “declaración de vontades” asinada hoxe supón “unha aposta de futuro e de presente” nun momento en que “o cambio é urxente”. “É moi importante que a partir do 18F teñamos unha presidenta á fronte das institucións, para dignificalas e poñelas ao servizo da xente e non contra a xente, para impulsar políticas que transformen a realidade do día a día”, asegurou.
Noriega salientou que o documento asinado non vai de “grandes acordos nin de reparto de cargos”, senón dun acordo de País e de aposta polo futuro, un paso co que “encetamos unha nova andaina” e co que se quere ademais dar a mensaxe de que “por todas nós non vai quedar que o 18F poda haber cambio”. Mostrou así mesmo a disposición a seguir traballando para que “o soberanismo poida redimensionarse nos vindeiros anos e poida seguir actuando dunha maneira porosa no conxunto da sociedade”.
“Esta declaración de vontades no espazo do soberanismo teremos que testala no futuro, pero é importante cicatrizar feridas, entender o momento, o que nos xogamos no presente máis tamén nos vindeiros anos como País”, unha Galiza que “quere poñerse en valor, defender as súas potencialidades e apostar polo futuro, o noso e o dos nosos fillos e fillas”, concluíu.
DESCARGAS: