Ana Pontón destaca o potencial de Ferrolterra para ser motor industrial e social de Galiza se conta con compromiso político

Acto Ferrol
Acto Ferrol

O declive da comarca é o resultado de décadas de abandono por parte do tándem PP-PSOE desde o Goberno da Xunta e desde o Goberno do Estado

Propostas BNG: complexo integral en Navantia, vincular novos parques eólicos a proxectos industriais con emprego e poñer a Ría a producir

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou un acto público en Ferrol para destacar o potencial dunha comarca que o ten todo para ser motor industrial e social de Galiza pero que está inmersa nunha decadencia que non cesa, como consecuencia do abandono e da discriminación de décadas por parte do Goberno da Xunta e do Goberno central.

“Quero falar de Ferrol con realismo pero desde o optimismo, poñendo sobre a mesa a difícil situación desta cidade e desta comarca, pero tamén coa confianza de que outra Ferrolterra é posible se en lugar de poñer paus na rodas, o Goberno da Xunta e o Goberno do Estado xogan a favor dunha comarca que o ten todo para ser un dos grandes motores industriais e produtivos de Galiza”, salientou a líder nacionalista.

A comarca ten infraestrutura industrial, infraestrutura enerxética, man de obra cualificada e ten unha Ría que só espera a súa recuperación integral para ser unha das máis produtivas do País e, ademais, dispón dun rico patrimonio arquitectónico e natural.

Acto Ferrol“Por que, sendo isto así, Ferrolterra leva décadas en permanente decadencia, perdendo riqueza, perdendo poboación, pechando empresas, perdendo postos de traballo?”, interpelou Pontón, “moi fácil de entender, é a consecuencias do abandono sistemático e continuado dunha comarca por parte do tándem PP-PSOE, que levan décadas alternándose na discriminación e no agravio con Ferrol”.

Para darlle a volta a esta situación, a comarca precisa política industrial, proxectos empresariais, recuperar a ría como sector produtivo e completar infraestruturas importantes, argumentou a portavoz do BNG, “e sobre todo, precisa compromiso político para sacar adiante un proxecto de futuro para esta comarca”.

O que non precisa e máis fotos, nin máis propaganda de pactos de estado “que son puro fume”, dixo en relación a última ocorrencia do presidente da Xunta “para agochar doce anos de incompetencia política nesta comarca, doce anos nos que o balance é o desastre de PEMEX, o peche de empresas de referencia, como ENDESA ou Gamesa, e miles de empregos perdidos mentres avanza a declive industrial e social”, denunciou.

Para que esta comarca teña futuro,  de nada serve que Feixóo utilice Ferrol na súa estratexia estéril de confrontación co Estado, fan falta propostas concretas que veñan acompañadas de prazos e orzamentos.

Acto Ferrol Nese sentido, o Bloque propón que a instalación de novos parques eólicos se vinculen

coa posta en marcha de proxectos industriais e a xeración de postos de traballo, “porque nun momento en que Galiza está baixo a ameaza dun boom eólico depredador, só faltaría que ademais da especulación e do espolio, resulta que os muíños que se queren instalar no noso territorio por riba se fabriquen fora pola deslocalización de empresas”, alegou Pontón.

Igualmente, urxe un complexo integral en Navantia, que aposte con decisión pola construción civil, e a rexeneración integral da Ría para poñela a producir pois ten capacidade para xerar centos de empregos. Ademais da defensa destes sectores produtivos, o BNG ve imprescindible apostar polo tecido empresarial local para revitalizar a comarca, en particular a propia Ferrol.

Que o Estado pague impostos na cidade

Pola súa parte, o portavoz municipal, Iván Rivas sinalou que para Madrid, “Ferrol é unha cidade de usar e tirar”, e que “tristemente” o presidente da Xunta lonxe de enfrontar esta realidade, está ao servizo de quen a promove.

“O pacto de Estado de Feixóo é o retrato do colonizado, un manual para seguir vampirizando os recursos da cidade á que coloca ao servizo Ministerio de Defensa, mentres agasalla ás eléctricas para que espolien os recursos naturais a cambio de nada, montando aeroxeneradores mentres pechan a planta de Gamesa”.

Ante esta situación, o xefe do Executivo revélase como “un presidente cínico, que ao mesmo tempo que afirma que el non ten competencias para o naval asegura que o Estado das autonomías é a formula adecuada para resolver os problemas”, denunciou, citando como exemplo dese cinismo as fotos con presidente de ENDESA publicitando un investimento de 200M€ e o seu mutismo cando ese anuncio queda en mera propaganda.

“Non só non lle recrimina o engano senón que pretende agasallar á eléctrica con concesións de parques eólicos sen que os galegos e galegas reciban nada a cambio máis que un prezo da luz prohibitivo”, alegou. “En Ferrol precisamos que nos deixen facer barcos civís e militares; precisamos derrubar muros físicos como o do Arsenal que divide a cidade en dous e precisamos que o Estado pague tributos na cidade”, concluíu Rivas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG