O BNG quixo destacar o peso da mocidade nas súas candidaturas municipais nun acto que congregou na sala Malatesta en Santiago a máis de douscentos mozos e mozas que participan nas listas electorais do 28M, ás que a portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou dúas mensaxes: a xuventude será parte esencial do cambio galego e o seu compromiso de construír unha nova Galiza na que a xente moza teña futuro.
“Quero dicirvos que tendes o meu absoluto compromiso e o do BNG de que imos facer todo o posible para que Galiza sexa un País para os mozos e as mozas, no que poidades desenvolver os vosos proxectos de vida e ter oportunidades”, destacou, “unha nova Galiza na que teñades presente e futuro, na que as maletas se collan para viaxar, non para emigrar, porque só queremos que emigredes por amor, non para escapar da precariedade ou do paro”, proclamou a líder do BNG.
Para construír esa Galiza de futuro para a mocidade, o Bloque aposta por darlle a xente nova un papel protagonista nas candidaturas, “centos e centos de mozas e mozas enchendo as candidaturas nos concellos porque a vosa forza, talento, razón e corazón será un motor de cambio esencial para construír esa nova Galiza que queremos e merecemos”, subliñou na súa intervención, nun acto informal e festivo.
Pontón destacou que estamos ante unha mocidade que medrou entre crisis, que sofre traballos precarios, baixos salarios e alugueiros polas nubes, unha combinación que impide a emancipación e retrasa proxectos vitais. “Por se fora pouco, Galiza ten unha ferida aberta: a dos 200.000 mozos e mozas que están fora porque aquí non atoparon unha oportunidade pese a ser a xeración máis formada da historia”, lamentou.
Malia este contexto, a líder do Bloque ve unha mocidade “que non se resigna senón que pelexa polo seu futuro”, convencida que será clave no cambio galego.
“Por iso é tan importante a vosa participación nas candidaturas do 28M, a vosa implicación e compromiso para ser motores activos do cambio que representa o BNG para poñer en marcha unha nova Galiza, concello a concello, con futuro para a xuventude”, recalcou.
A líder do Bloque destacou algunhas das propostas para a mocidade en temas que afectan directamente as súas vidas como é o acceso á vivenda, porque con salarios mileuristas é imposible alugar unha vivenda nas cidades, onde os prezos subiron de media até un 30% nos últimos anos. “Hoxe, á inmensa maioría de mozos e mozas neste País, sóbralles moito mes ao final do soldo”, lamentou.
Por iso, fronte a un Partido Popular que “dinamitou a política social de vivenda”, o BNG aposta por promover unha política publica de vivenda protexida, en particular en alugueiro a prezos que a mocidade poida pagar. Igualmente, considera importante facilitar o regreso dos miles de mozos e mozas que marcharon nos últimos catorce anos por falta de oportunidades, cun Plan retorna que apoie a volta da mocidade emigrada, en particular o talento científico e investigador.
Mocidade comprometida e orgullosa
Pontón destacou o compromiso da mocidade, sempre en primeira liña ante os grandes retos e loitas: feminismo, cambio climático, defensa dunha sociedade inclusiva, “na que cada quen teña dereito a amar e a ser quen queira ser”, e defensa tamén dos servizos públicos, “sabendo que ninguén se salva só”.
“Sodes a mocidade orgullosa dun País orgullo, por iso, pídovos que este 28M saiades a gañar, que non vos poñades límites, que sexades ambiciosos e ambiciosas en todos e cada un dos vosos concellos, que sexades motor activo do cambio, sabendo que tendes todo o apoio do BNG e todo o meu compromiso para construír unha Galiza que vos converta en protagonistas”, concluíu.
No acto tamén participou Goretti Sanmartín, a quen Pontón definiu como a próxima alcaldesa de Compostela, que prometeu un Santiago que acolla á mocidade en lugar de expulsala.
A secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, destacou que mozas e mozos entran en política por dúas razóns. “Porque somos nacionalistas e porque temos vontade de mellorar a vida da mocidade galega, por iso facemos parte das candidaturas do BNG, para poder desenvolver os nosos proxectos de vida dende os concellos, para mellorar a vida da mocidade dende o local, dende o concreto, construíndo concello a concello a Galiza que merecemos”.
Como exemplo de participación da mocidade nas candidaturas, interveu Carmela Franco, cabeza de lista no concello de As Pontes.
“Estamos aquí por estar fartas de que na política municipal non se fale de nós, para conseguir que nos nosos concellos as nosas necesidades sexan prioritarias. Eu preséntome porque quero vivir nas Pontes, porque quero ter a posibilidade de facer a miña vida no lugar que me viu medrar e non velo esmorecer, e porque quero o mesmo para as mozas e mozos do resto da Galiza”.