A recuperación económica precisa recursos e Galiza xógase moito en recibir a parte que lle corresponde dos fondos europeos Next Generation, 12.600 M€ segundo a estimación do BNG. Por iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou “a falta de ambición, de seriedade e de rigor” de Feixóo á hora de afrontar esta negociación clave para sacar ao país da crise.
“O único que hai é un presidente da Xunta convertido en axente comercial dun puñado de multinacionais, mentres deixa na estacada ao tecido produtivo real, ás pequenas e medianas empresas, aos traballadores e traballadoras autónomos. Un presidente que no encontro-fiasco con Sánchez renunciou a pedir a xestión directa e que se conforma con recibir o 4,6% dos fondos europeos de recuperación”, criticou.
A líder nacionalista denunciou a falta de estratexia de Feixóo para evitar que Galiza saia perdendo no único fondo extraordinario ante a crise, tendo en conta que a día de hoxe todo o que hai son anuncios sobre “proxectos pantasma”, dos que nada se sabe máis aló “dun powerpoint cutre de doce folios no que se fas unha simple suma nin sequera dan as cifras que se publicitan. Iso é todo o que o Goberno do PP remitiu ao Parlamento”, denunciou.
Fronte a iso, “o BNG vai seguir reclamando até o último euro que lle pertence a Galiza deses fondos e a súa xestión directa, porque se Europa fai un reparto territorializado, nada impide que se faga tamén dentro do Estado”, explicou, recalcando que non se defende Galiza “con soflamas nin con golpes de peito, senón con feitos”.
“Ofrecinlle até tres veces nesta Cámara dialogar para poñer en marcha unha estratexia de país para obter os máximos recursos do Next Generation do que debemos aspirar a un 9% para impulsar o sector industrial, a dixitalización ou unha transición enerxética xusta”, argumentou.
Unha oferta á que Feixóo respondeu desde a descualificación e a crispación, cando o que precisan os galegos e as galegas son propostas de futuro política con altura de miras, alegou a líder nacionalista. “Pídolle que non veña a aquí con máis politiqueo barato porque estamos no medio dunha crise na que está a xente morrendo, con miles de persoas desesperadas á que nada lles serve que veña a este Parlamento a atacar ao BNG para esconder os seus erros, nin lle serve de nada aos galegos e as galegas, nin lle serve de nada ao país. Poñamos Galiza por diante e, desde logo, o BNG vai seguir traballando nesa dirección”.
Pontón utilizou a sesión e control ao xefe do Executivo para preguntar pola estratexia do Goberno do PP ante a negociación do fondo Next Generation, pero sen resposta algunha por parte dun presidente da Xunta que nada aclarou sobre “a cerimonia da confusión” dos proxectos galegos para concorrer a estas axudas directas.
Cerimonia da confusión
“O 17 de outubro anuncia sete proxectos por 3.200 M€ e 18.000 empregos; o 22 de outubro os proxectos multiplicáronse até 108 por 9.400 M€ e sen aportar cifras de emprego. O 29 de xaneiro, tras o encontro co presidente do Estado, os 108 proxectos pasan a cinco que definiu como moi concretos, vese que o resto deben ser inconcretos ou de recheo”, ironizou, “pero nin eses proxectos que define como moi concretos se libran da súa cerimonia da confusión”.
“Collamos a planta de viscosa: o 12 de outubro anuncia que supón 700 M€ e 800 empregos, o 30 de novembro este proxecto pasa a 900 M€ e mil empregos e o 29 de xaneiro a mesma planta sobe a 1.140 M€ e 9.700 empregos. En dous meses a mesma planta multiplica por dez a creación de emprego”, explica Pontón para denunciar a falta de seriedade e de rigor nunhas propostas nas que os datos mudan en cada anuncio.
“Póñolle tamén o exemplo da planta de economía circular: o 12 de outubro ten un investimento de 525 M€ e 800 empregos, pero o 29 de xaneiro baixa a 500 M€ mentres que os empregos pasan de 800 a 5.000. Que tomadura de pelo é esta señor Feixóo?”, interpelou a líder nacionalista.
“Non é serio, e resulta evidente que esta mestura de opacidade e propaganda é para tapar que detrás non hai nada, nin proxecto nin visión de país”, denunciou a portavoz do Bloque. “Galiza non se defende con golpes de peito, senón con feitos e os seus feitos son que vai a unha reunión co presidente do Estado e non consegue nada para este país, nin antes con Raxoi, nin agora con Sánchez”, concluíu.