Santiago de Compostela, 14 de novembro. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou o PP de “orquestrar” unha campaña da man das grandes empresas eólicas para intentar aplacar o rexeitamento que está a provocar entre os galegos e as galegas a xestión que a Xunta leva anos facendo dos recursos naturais do País para favorecer o lobby das enerxéticas.
“Estamos asistindo a unha campaña pactada para seguir enganando aos galegos e as galegas e intentar aplacar o descontento cidadá”, asegurou, aludindo ao rexeitamento á política da “depredación” por parte da xente do rural “que está sufrindo de maneira directa o descontrol eólico que quere promover a Xunta”, máis tamén ao “sentimento unánime” da xente do País, que non entende “como é posible que tendo unha riqueza eléctrica tan importante como a que temos non nos beneficiemos”.
En resposta ás preguntas dos xornalistas, Pontón acusou o PP de ser “cómplice” dende o Goberno da Xunta do “espolio eólico” do País, promovendo medidas para favorecer o lobby eléctrico e non ao conxunto dos galegos e as galegas. O último exemplo, explicou, está na Lei de Acompañamento dos Orzamentos, que o Goberno de Rueda utiliza para “acelerar todo o proceso de depredación eólica”. “Mesmo están intentando saltarse as sentencias xudiciais”, engadiu.
“É falso o que está a dicir a patronal eólica dende Madrid e é falso que o Goberno galego estea traballando para poñer a enerxía ao servizo do País”, sentenciou a líder nacionalista, subliñando, que de ser así, o PP tería aceptado a dúas propostas estratéxicas que defende o BNG para poñer realmente os recursos de Galiza ao servizo dos galegos e as galegas. Por unha banda, lembrou, a creación dunha empresa pública de enerxía, e pola outra, o impulso dunha tarifa eléctrica galega que abaratase a factura das empresas e das familias.
Pontón incidiu ademais na necesidade de facer unha planificación do desenvolvemento eólico, “facendo unha avaliación de cal é o impacto de todos os desenvolvementos que se fan neste momento”, precisou.