- A portavoz nacional do BNG asegurou que o concello de Vigo perde 15 millóns de euros co actual sistema de financiamento local
A portavoz nacional, Ana Pontón explicou o modelo de financiamento autonómico que propón o BNG nun acto aberto á cidadanía celebrado hoxe no Colexio de Arquitectos de Vigo. O concerto económico dixo, consiste en ter o control e a xestión total dos nosos recursos -vía impostos ou transferencias-, e facer contas co Estado ao final de cada exercicio, aportando á Facenda central a cantidade que corresponda.
Con este sistema, Galiza disporía de “3.500 millóns de euros adicionais que permitirían acabar cos recortes en servizos públicos e sociais e permitiría ademais unha autonomía real, única opción para avanzar”, ademais de garantir “unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”.
“Cómo non querer un concerto económico que nos daría 3.500 millóns de euros adicionais cos que blindar os nosos servizos públicos e sociais?”, preguntou Pontón. Este sistema permitiría “aplicar unha fiscalidade xusta na que paguen máis os que máis teñen”. “Defendemos o concerto por orgullo de país, porque confiamos na capacidade de Galiza e non compramos a falsa idea de que vivimos da solidariedade do Estado, remarcou.
Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado- Galiza aportou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -con concerto económico-, “a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza”, afirmou.
A xestión de todos os recursos daría a Galiza unha “verdadeira autonomía financeira”, e “un verdadeiro autogoberno” para promover o desenvolvemento económico, social e cultural, “sen condicionantes, nin restricións”.
Máis recursos para Vigo
O actual modelo de financiamento foi “calamitoso” para Galiza e fai perder moitos recursos tamén aos concellos. Cada veciño ou veciña dun municipio galego recibe 50 euros menos por habitante ca media estatal, recursos que perden os gobernos locais para poder atender servizos básicos da súa veciñanza.
No caso concreto de Vigo , explicou a nacionalista, unha simple operación aritmética revela que o concello de Vigo perde 15 Millóns de euros. Unha cidade como Málaga recibe o mesmo financiamento que as seis cidades galegas con maior poboación, o que exemplifica que os actuais criterios de reparto deixan Galiza moi mal parada.
Medidas contra a deslocalización de empresas
Finalmente, Ana Pontón manifestou que “temos todos os ingredientes para conseguir que o sector da automoción sega a ser un polo de creación de postos de traballo e de actividade económica” porque este sector xera 19.000 empregos directos e facturou en 2015, 8.200 millóns de euros. Fabricamos o 15% dos automóbiles do Estado e o sector da automoción supón o 31% das exportacións anuais galegas. Os sindicatos denuncian que nos últimos anos o sector perdeu en Galiza arredor de 2.000 empregos directos, mentres que Portugal gañou 6.000 novos postos de traballo polo que é preciso poñer en marcha unha estratexia comercial e actuación inmediata en solo empresarial, “ temos quilómetros e quilómetros de solo empresarial criando toxos cando o que debe criar é emprego e riqueza”, concluíu.