A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o debate electoral emitido esta vez por unha canle privada “foi unha segunda volta en versión macarra na que ademais, teño que dicilo como muller, sentinme indignada de ver como a igualdade e a violencia machista se utilizaron como un pim-pam-pum entre eses machos alfa da política estatal”.
A outra cuestión criticada pola líder do Bloque é que, unha vez máis, Galiza estivo ausente e as forzas estatais demostraron que só se acordan deste país cando veñen pedir o voto en campaña.
“Falouse no debate dos problemas de insularidade en Canarias e Baleares, falouse do financiamento de Valencia, dos problemas do tren en Estremadura, de Andalucía, de Euskadi e, como sempre de Catalunya, pero para Galiza nin unha mención”, criticou.
“Nin unha palabra a pesar de que temos un retraso histórico nas infraestruturas, a pesar de ter 5.000 empregos en xogo en empresas electrointensivas por unha regulación enerxética estatal, a pesar de que nestes dez anos emigraron máis de 100.000 mozos e mozas vemos que as forzas estatais o único que queren son os nosos votos pero sen aportar solucións”, afondou Pontón.
A líder nacionalista considera que o debate demostrou unha vez máis a urxencia que ten Galiza de contar con forzas políticas propias no Congreso para ser decisiva na política de Estado.