Ana Pontón critica que o PP responda ao colapso da Atención Primaria anunciando que estudia pechar centros de saúde

Ana Pontón
Ana Pontón
“Pedímoslle ao PP que deixe de xogar coa saúde dos e das galegas”, pide a líder do BNG ante un executivo que vai “de ocorrencia en ocorrencia”

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera un despropósito que ante o colapso de atención primaria, con listas de espera de até dúas semanas, o Goberno do Partido Popular responda anunciando que vai estudar o peche de centros de saúde baixo o eufemismo de “reagrupación”, tal e como publican diversos medios tras a reunión mantida cos colexios de médicos na que participou o propio xefe do Executivo, Alfonso Rueda.

“En vez de reforzar a sanidade o que que pretende o PP é que menos profesionais en menos centros de saúde atendan a máis pacientes, e xa sabemos que esta proposta terá como resultado deteriorar aínda máis a calidade asistencial da cidadanía”, argumentou a líder do BNG, denunciando que esta estratexia de acoso e derribo da sanidade pública  “pon en risco a saúde dos galegos e das galegas”.

Estamos, critica,  ante unha nova volta de torca que é unha “temeridade” e que se suma a trece anos de recortes cun obxectivo moi claro por parte do Partido Popular “de debilitar o público para favorecer o negocio privado”.

A portavoz nacionalista fixo referencia aos pasos que a dereita ten dado en Galiza dentro da súa política de recortes, como a supresión das xerencias de atención primaria, a precarización continuada do persoal sanitario ou a diminución do orzamento, de tal xeito que hoxe estamos á cola en investimento en atención primaria.

Neste sentido, destacou que o ano pasado o 60% dos e das profesionais que concluíron o MIR de medicina familiar desestimaron unha praza en atención primaria. 2021 foi tamén un ano de cifra récord de médicos e médicas que solicitaron o certificado para traballar no estranxeiro, 105 no que se refire a Galiza.

“Pedímoslle ao PP que deixe de xogar coa saúde da xente, que retire a pretensión de pechar centros de saúde para favorecer á privada e que deixe atrás as ocorrencias que atentan contra a sanidade pública”, reclamou. Como por exemplo, a ocorrencia de que as receitas se renovasen polo persoal farmacéutico, que acaba de ser rexeitada polo TXSG; a ocorrencia de PACs con telepantalla, sen médicos ou que sexan substituídos por persoal de enfermería.

“E a ocorrencia desta semana é pechar centros de saúde para que menos persoal atenda a máis poboación”, sintetizou Pontón, “unha auténtica falta de respecto á cidadanía e un novo paso para deteriorar a atención sanitaria”. A alternativa non son ocorrencias en forma de recortes e privatizacións, senón todo o contrario, traballar con rigor e revertendo os recortes dotando á sanidade pública, en particular a atención primaria, dos medios que precisa, de máis persoal, de máis recursos económicos e de máis especialidades.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG