A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, aproveitaron a súa estancia en Bos Aires, -dentro da viaxe oficial que a delegación do BNG realiza por Uruguai e Arxentina-, para asistir aos actos de protesta contra o cumio do G-20, que congrega na capital arxentina aos responsables políticos das principais potencias mundiais.
“Queremos apoiar as protestas sociais nas rúas contra este cumio, paradigma das políticas neoliberais e dunha globalización que está empobrecendo ás maiorías sociais e levando á ruína ambiental ao planeta”, indicou a dirixente do Bloque.
Na súa primeira xornada de axenda en Bos Aires, Pontón e Miranda mantiveron encontros coa colectividade galega a través de reunións no Centro de Galiza, do que depende o centro escolar Instituto Arxentino Santiago Apóstolo que ten entre os seus obxectivos desenvolver un proxecto educativo “bicultural” en todos os niveis de ensino.
Neste sentido, o BNG comprometeuse a presentar iniciativas no Parlamento para reforzar o apoio desde o Goberno galego aos pais e nais que aposten por escolarizar aos seus fillos e fillas no idioma de Galiza. “Faltan investimentos da Xunta e habería que estudar fórmulas e posibilidades de escolarización en galego porque hai moitos pais e nais que queren facilitar o coñecemento do idioma, da cultura galega e o amor ao país de orixe ás novas xeracións”, avanzou a dirixente do Bloque.
Pontón e Miranda tamén mantiveron un encontro na sede da Federación de Sociedades Galegas en Arxentina, unha institución histórica que ten actuado como caixa de resonancia do exilio galego, de intelectuais e de artistas. Entre eles, Castelao, Seoane, Laxeiro ou María Vitoria Villaverde.
“Queremos destacar o labor desta entidade emblemática na recuperación da memoria histórica e na loita antifranquista”, salientou Pontón, quen pon en valor “o traballo inmenso e a gran aportación da comunidade galega en Arxentina, pero tamén esa vinculación que mantiveron co seu país de orixe e o seu empeño en manter viva a identidade galega”.
Para a dirixente do Bloque, “é necesario recoñecer e poñer en valor ese traballo porque o certo é que nos trasladan que nos últimos anos senten unha certa sensación de abandono e temos que seguir mantendo e coidando o noso patrimonio. Hai que fortalecer lazos de colaboración e de difusión do papel da emigración”, concluíu.