Ana Pontón cotrapón o modelo enerxético e ambiental sostible do BNG fronte ao modelo "depredador do PP"

Visita Allariz
Visita Allariz

No Día mundial da biodiversidade, escolle Allariz como “marca de excelencia de políticas ambientais” impulsadas polo BNG baixo un  modelo de desenvolvemento sustentable, económico, verde e social

Propón un fondo para a conservación da natureza, dotado con 100M€,unha estratexia de estruturas verdes que acollan corredores ecolóxicos e a ampliación da Rede Natura para protexer o 20% do territorio galego 

No Día mundial da biodiversidade, na presentación das propostas do BNG para un desenvolvemento sustentable, a portavoz nacional,  Ana Pontón contrapón o modelo das políticas enerxéticas ambientais do BNG, fronte ao modelo “depredador” do PP que beneficia aos grandes lobbies da enerxía, a madeira e a minaría.

Fronte ese modelo “depredador”, dende o BNG, dixo,  propoñemos un modelo sustentable cun “fondo para  para a conservación da natureza dotado con 100M€, unha estratexia de estruturas verdes que acollan corredores ecolóxicos e a ampliación da Rede Natura para protexer o 20% do territorio galego”, na actualidade sitúase no 12% fronte á media estatal do  27%.

Pontón escolle Allariz como “marca de excelencia” das políticas ambientais e modelo de desenvolvemento sustentable, económico, verde e social e afirma que o goberno de Feixóo está ao lado das grandes empresas, permitindo o espolio dos nosos recursos naturais e poñendo a riqueza do País á disposición dos “grandes lobbies enerxético, madeireiro  e mineiro, á costa dos intereses ambientais, económicos e sociais dos galegos e das galegas”.

Para a portavoz do BNG, o goberno de Feixóo está máis preocupado “polas portas xiratorias” e os beneficios de ENCE que pola biodiversidade.

Visita AllarizModelo de Allariz exportable a toda Galiza

O modelo de Allariz, indicou Pontón, constata a transformación do desenvolvemento sustentable “con proxectos no ámbito enerxético, no transporte colectivo ou reciclaxe de residuos” e apostando pola biodiversidade. Este modelo, afirmou, é “exportable ao conxunto de Galiza”

Desde o BNG levamos trinta anos apostando por un modelo de economía verde, respectuoso coa biodiversidade e asentado na recuperación do territorio. En Allariz empezamos pola posta en valor do Río Arnoia como referente ambiental, económico, social e cultural impulsando iniciativas pioneiras no ámbito da enerxía, da xestión de residuos e da mobilidade sustentables.

Sacamos adiante proxectos como a reserva da biosfera de Allariz con iniciativas económicas capaces de frear a “despoboamento e o abandono” e con proxectos de economía cooperativa. “Apostamos pola conservación e rehabilitación do entorno construído” e  por unha economía verde, sustentable no ambiental, no social e coa dotación de  servizos.

 A pandemia xa demostrou que a única opción para ter  futuro é a defensa da biodiversidade, “unha vacina eficaz  contra a ameaza de novas crises sanitarias, contra a emerxencia climática e contra os lumes devastadores de nova xeración”, recalcou a líder do BNG.

A Xunta ao servizo das grandes empresa e das portas xiratorias

Temos que actuar con decisión, aseverou Pontón, sobre todo, porque o Goberno do PP vai na dirección contraria, vai como “un condutor kamikaze” que avanza no que se coñece como a política das 3D, “-destrución, degradación e depredación”.

Sobran os exemplos, “somos unha potencia en electricidade, pero pagamos a factura da luz máis cara do Estado, mentres as eléctricas se forran”. Somos grandes produtores de madeira pero ao servizo de ENCE en lugar de apostar pola calidade e polo valor engadido do noso monte cun aproveitamento multifuncional.

“O Goberno de Feixóo lexisla a favor deses lobbies para que un puñado de multinacionais espreman como un limón os recursos naturais de Galiza. Esa riqueza é do País e debe servir para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

Allariz, modelo de políticas sustentables

Fronte á política de escaparate da consellaría de Medio Rural con “aldeas cara á galería”, en Galiza hai un concello modelo que leva desde 1989 apostando polo desenvolvemento sustentábel e pola diversidade biolóxica. “É un proxecto integral” que abrangue os espazos urbano, rural e  natural, asentado na recuperación, rexeneración e posta en valor do río Arnoia como grande eixe ambiental, social, cultural e económico.

Ademais, engadiu, este modelo desenvolveu iniciativas pioneiras no ámbito da enerxía sustentábel, a mobilidade e a xestión dos residuos e promoveu a Reserva da Biosfera de Allariz cunha visión conservacionista de concienciación e dinamización.

O BNG, indicou a portavoz nacionalista impulsou solucións baseadas na natureza e paisaxes resilientes para combater a despoboamento, o abandono, a degradación e o risco de incendios así como cooperativas e pequenas empresas de transformación de produtos agrogandeiros comprometidas cun rural vivo.

“Os gobernos municipais do BNG constatan que outra política é posible para defender os nosos recursos naturais e que os galegos e galegas nos podamos beneficiar do grande potencial enerxético do noso país”.

No Día mundial da biodiversidade, Ana Pontón, acompañada da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, deputados e deputadas provinciais do BNG e os deputados no Parlamento Galego, Noa Presas e Iago Tabarés, percorreron o concello, emblema das políticas sustentables do BNG para a recuperación ambiental e a  conservación do patrimonio natural e construído.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG