- Agradecemento a todas as persoas que deron todo o mellor de si nesta campaña que cualificou de intensa, ilusionante e chea de emocións
- Compra na praza de abastos compostelá, descanso, lectura e cine para a xornada de reflexión
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, amosouse convencida de que os galegos e as galegas aproveitarán a oportunidade que teñen este domingo cunha gran participación “porque é importante que o pobo galego se escoite nas urnas”, dixo, tras salientar que o BNG fixo unha campaña para que este 25S haxa unha gran mobilización.
Pontón aproveitou a xornada de reflexión para recuperar certa normalidade cotián facendo a compra na praza de abastos de Santiago, -“unha das cousas que máis me gusta facer porque é un mercado excepcional cuns grandes produtos”-, pasar o día coas amizades e coa parella, lectura e tarde de cine no Numax.
A candidata fixo un agradecemento expreso a todas as persoas que participaron na campaña electoral, que cualificou de “moi intensa, ilusionante, de moitas emocións e chea de optimismo. Estou moi orgullosa da miña organización e de todas as persoas que participaron e deron o mellor de si nesta campaña”. “Hoxe é un día para reflexionar”, dixo, “e mañá é un día importante para os galegos e as galegas”, concluíu.