A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a, no caso de ser elixida presidenta do goberno do cambio, activar a Mesa do Sector Lácteo, foro onde estean representados todos os axentes da cadea produtiva e no que se aborden “as cuestións clave para darlle futuro ao sector, incluído todo o que ten que ver cos prezos”.
“O futuro goberno que aspiro a presidir quere ser aliado dun sector que é estratéxico para Galiza”, afirmou para engadir a continuación que “queremos un sector lácteo onde haxa prezos xustos, onde non se utilice o leite como un produto reclamo, un sector que xere máis riqueza e máis emprego e capaz de facer da innovación e a transformación unha das pezas clave de futuro”.
Xunto á Mesa polo Leite, a portavoz do Bloque defendeu “a transparencia en toda a cadea de valor” respecto aos custos da produción, polo que tamén comprometeu a publicación destes custos de xeito que “sirvan de referencia”, dende “o rigor científico” e dende “o traballo man a man entre a Administración e o sector”.
Pontón fixo estas declaracións durante a visita que realizou ao Grupo Lence en Lugo, visita enmarcada na rolda de contactos que está mantendo o BNG para elaborar a súa proposta de goberno porque, segundo recalcou, “parécenos moi importante o diálogo con todos os sectores económicos e sociais á hora de trazas a folla de ruta para o País ao longo dos próximos anos”.
Logo de agradecer á CEO do grupo, Carmen Lence, a acollida nunha visita a unha “empresa moi importante para o futuro do sector”, a líder nacionalista quixo reafirmar, “desde Lugo e desde unha empresa galega”, os compromisos do Bloque co sector se asume a responsabilidade de gobernar a partir das próximas eleccións galegas.
Neste sentido, apostou polo desenvolvemento do Observatorio do sector lácteo para afrontar algúns dos problemas que ten o sector como é precisamente o dos custos de produción. “Neste ámbito é clave que as nosas explotacións poidan incrementar a súa base produtiva, polo que nos comprometemos a mobilizar 100.000 hectáreas de terras agrarias que permitan á xente do sector ter a oportunidade de reducir os seus custos, máis nun momento no que o incremento dos prezos da vida está sendo moi importante e afecta a toda a cadea produtiva”, afondou.
A portavoz do BNG considerou a innovación como outro dos elementos “clave” para o futuro do sector e para que este poida xerar máis valor engadido, polo que avanzou como outro dos compromisos nacionalistas a recuperación na estrutura da Xunta dunha Dirección Xeral específica que traballe na innovación no ámbito agrogandeiro, así como o impulso de todos os centros de investigación que hai no País neste campo de actuación.
De igual xeito, sinalou o avance na igualdade e nos dereitos das mulleres no medio rural como outra das liñas de traballo do Bloque, dado que neste momento “moitas mulleres están optando por marchar e as que quedan sofren unha dobre discriminación”, a de ser mulleres e a de formar parte do rural.
Logo de deixar claro que no BNG “non concibimos unha Galiza que deixe atrás o medio rural, do que forman parte 265 concellos e que representa o 90% do territorio”, Pontón concluíu que “un futuro goberno galego ten que ter moi presente o futuro do noso medio rural”, no que considerou que o sector leiteiro xoga un papel clave porque “permite fixar poboación, coidar o territorio e xerar riqueza e desenvolvemento económico”.