A candidata á Presidencia, Ana Pontón, comprometeuse este xoves a apoiar a rexeneración da costa de Bueu se os galegos e as galegas lle dan o próximo 18-F a responsabilidade de liderar o Goberno. Nunha visita ao concello na que estivo acompañada polo cabeza de cartel por Pontevedra, Luís Bará, e o candidato da comarca, Paulo Ríos, Pontón garantiu ademais a colaboración co concello nos proxectos que permitan aproveitar todo o potencial turístico da zona, entre os que destacou as melloras nos accesos ás praias.
A candidata nacionalista aproveitou a súa visita para anunciar que un goberno liderado polo BNG porá en marcha un plan de recuperación e rexeneración das rías que inclúa a limpeza das praias, en colaboración cos concellos, os 365 días do ano.
Respecto da rexeneración do litoral, garantiu que apoiará o proxecto para a rexeneración da praia de Pescadoira, un proxecto que permitirá ademais solucionar os problemas de acceso á Nave de Deportes Náuticos que sofren agora os veciños da vila.
“Como presidenta quero establecer unha relación de colaboración cos concellos e garantir aos seus veciños e veciñas que o meu goberno tratará con igualdade a todos os cidadáns, independentemente do que votaran nas eleccións municipais”, asegurou Pontón, que se referiu a Bueu como “un concello de referencia e un exemplo de como o BNG é capaz de gobernar e mellorar a vida da xente”.
Pontón deu un paseo pola vila cunha parada na praza de Abastos despois de reunirse cos veciños da Illa de Ons, que levan anos reclamando que se lles recoñeza a propiedade das vivendas que habitaron xa os seus pais e avós, lembrou Pontón, que se comprometeu con eles, se é presidenta, a modificar a lei de xeito que podan recuperar a titularidade dos inmobles. “Esa é unha cuestión que xa defendemos na oposición, e a nosa posición no vai cambiar se gobernamos”, apuntou. “Cumpriremos a nosa palabra”, subliñou.
Con respecto a Ons, amosou tamén a súa determinación para mellorar a conservación deste espazo único e “poñer en valor a cultura singular” da Illa.
Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, agradeceu a Pontón que se comprometa con cuestións que son importantes para o concello e que non están sendo atendidas polo Goberno do PP. “Queremos ter unha presidenta que non soamente nos escoite, senón que tamén nos atenda”, afirmou.
Neste sentido, referiuse tamén á necesidade de rexenerar a praia de Pescadoira, unha reclamación á que Portos de Galiza segue sen atender pese a ser requirida por Costas do Estado e pese a ser moi importante para Bueu, non só a nivel medioambiental, senón tamén para resolver definitivamente os problemas de accesibilidade ás instalacións municipais de deportes náuticos e remo.