A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu esta mañá a unha visita institucional en Pontevedra co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. A líder do Bloque amosouse rotunda fronte a dúas cuestións: a posibilidade dun adianto das eleccións galegas e a posición do BNG ante a investidura de Pedro Sánchez.
En relación a un posible adianto da celebración das eleccións galegas, que Pontón tildou de “culebrón”, a líder do Bloque considera que está deixando en evidencia “o escaso peso político de Rueda, que nin sequera é capaz de marcar a data electoral en Galiza sen que lle marquen o paso desde o PP Madrid”.
Cualificou tamén de “irresponsabilidade” que o PP especule coa convocatoria dos comicios galegos “co que está caendo neste País” deixando claro que “canto antes se convoquen, mellor para os galegos e as galegas porque Galiza precisa un cambio de rumbo”.
Facendo unha valoración do debate de investidura, Pontón ironizou, indicou que “houbo un perdedor inesperado: o señor Rueda”. En primeiro lugar, porque tivo que presenciar como Feijóo se comprometeu con todas as comunidades do Estado menos con Galiza, sobre a que non asumiu ningún tipo de compromiso, un desprezo co País que tamén retrata que estamos ante un presidente da Xunta “accidental e irrelevante no político, a quen lle marcan o paso desde o PP de Madrid, máis parece un delegado de Feijóo”.
A líder do Bloque destacou que o Goberno do Partido Popular é incapaz de poñer en marcha “as grandes transformacións que se necesitan e que non ten proxecto de futuro”, por iso, “canto antes se convoquen as eleccións mellor para os galegos e as galegas para superar un goberno que está deixándonos unha Galiza máis débil”.
“O que precisamos é ter un novo proxecto de País, dende a fortaleza, dende a confianza en Galiza e dende a convicción de que temos moitísimo que gañar se cambiamos o rumbo errático do goberno actual do PP”, concluíu.
“Hai unha cuestión que desde o BNG queremos deixar clara”, indicou Pontón, “hoxe Sánchez non ten gañado o voto do BNG e, se quere telo, só hai un camiño: cumprir con Galiza”. A portavoz nacional pediulle ao PSOE que “negocie coa vontade real de chegar un acordo que teña a Galiza en conta porque, de non facelo, non terá o voto do BNG”.
Pontón urxiu a necesidade de poñer sobre a mesa unha negociación na que os asuntos galegos teñan peso, compromisos e prazos, declarando que “esa é realmente a cuestión clave neste momento”. “Galiza ten que estar nesa investidura con cuestións concretas que nos permitan avanzar nos asuntos que dependan do Estado”, manifestou. Pontón amosou tamén a vontade do BNG para negociar co señor Sánchez pero sendo firme con que “o si do BNG hai que gañalo e, para gañalo, ten que haber compromisos concretos con Galiza”.
Estes compromisos pasan por un incremento dos investimentos, das infraestruturas, do autogoberno e por unha cuestión que o Bloque considera clave: a modernización do ferrocarril. “Galiza necesita un ferrocarril do século XXI para conectar as súas vilas e cidades”, indicou a portavoz nacional. Pontón deixou claro que todas estas cuestións estarán sobre a mesa e que se negociarán coa mellor das vontades pero tendo moi claro que “con Galiza todo, sen Galiza nada”.