- Batería de propostas do BNG para crear emprego: Plan retorna, concerto económico, aposta estratéxica pola I+D+i e acabar co agravio a Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou á sesión de control ao presidente da Xunta os dous problemas que, segundo o último barómetro do CIS, máis preocupan aos galegos e as galegas: paro e corrupción, ambos “sinais de identidade” da maneira de gobernar do PP.
“Paro, porque as súas políticas traen destrución de emprego, precariedade e emigración. Corrupción, porque o PP está inmerso nunha sucesión de casos illados de corrupción”, ironizou Pontón, “o último a Operación Lezo, que afecta de cheo aos intereses de Galiza” a través da imputación de Villar Mir polo presunto financiamento ilegal ao partido do Goberno.
A dirixente nacionalista foi moi crítica coa posición de Feijóo ante ambas cuestións, botándolle en cara o seu “triunfalismo oficial” no caso de paro e o seu “silencio cómplice” ante os casos de corrupción, en particular fronte aos “intereses escuros” do empresario agora investigado.
Pontón radiografou a situación do mercado laboral: O 60% das persoas que engrosaron as listas do paro no primeiro trimestre do ano eran galegas, un 15% das persoas asalariadas son pobres e en Galiza 132.000 persoas están en situación de pobreza extrema.
Ante este panorama, pediu a Feijóo un cambio de política económica, deixar de mirar para os que están peor e propostas para mellorar a vida dos e das galegas, como as que formula o BNG.
Para empezar, “digamos non ao orzamento do recortazo de 442M€, que nos discrimina mentres outros territorios conseguen millóns en investimentos”, alegou. Ademais, un concerto económico que aportaría 3.500M€ “que agora quedan no peto de Montoro”, sacar beneficio dos recursos enerxéticos cunha tarifa galega, aposta estratéxica pola I+D+i e un Plan Retorna para traer á mocidade emigrada e ao talento investigador.
“Estas medidas si permitirían crear emprego no país, e non o seu triunfalismo oficial”, sentenciou.
A dirixente do Bloque reprochou a Feijóo o seu empeño en reinventar a sesión de control ao Goberno “facendo oposición da oposición”, ao tempo que lle replicaba que “pouca estabilidade política pode ofrecer un PP trufado de corrupción, mentres vostede fuxe da prolongación desa corrupción a Galiza a través da Operación Lezo e dos intereses escuros de Villar Mir. Ese silencio o fai cómplice, señor Feijóo”.
Neste sentido, Pontón reiterou a petición de investigar todas as concesións públicas ao propietario de Ferroatlántica, tras desvelar que foi o actual presidente da Xunta quen renovou “a dedo” en 2012 a concesión de tres centrais eléctricas no Xallas que agora a multinacional pretende vender de xeito ilegal.
Monicreque de Rajoy
“Pode explicarnos por que lle fixo este agasallo a Villar Mir? Pode asegurarnos que, como presidente, non vai aceptar unha chantaxe que supón perder 300 empregos na Costa da Morte?”, interpelou a portavoz nacional ante o total mutismo do dirixente popular.
Pontón convidou a Feijóo a ir máis aló do “titular do telexornal” tanto na loita contra o desemprego como na defensa dos intereses de Galiza, seguindo o exemplo do presidente do País Vasco “agora que vostede se declara fan de Urkullu” tras a súa negociación dos orzamentos do Estado.
“Sabe por que Euskadi ten unha taxa de paro do 11,9% e Galiza do 17,4%? Porque ten un modelo de financiamento como o que o BNG defende para Galiza no que recada e xestiona o 100% dos seus recursos, porque ten unha aposta estratéxica pola I+D+i, e porque teñen un presidente que exerce como tal e aquí está vostede de marioneta de Rajoy”, concluíu.