A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá a casa na que Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia, en Ortoño, para conmemorar o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos.
“Un seminario que non nacía por xeración espontánea, senón por ideais, por compromiso, por militancia e por moita xenerosidade”, declarou Pontón, que quixo lembrar “aquel prodixioso big bang nacionalista que foi xerando unha constelación de organizacións que compartían un proxecto común: a grande tarefa da construción nacional de Galiza, a inauguración dun tempo de modernidade, de xustiza, de autogoberno e de orgullo colectivo”.
Neste proceso, o Seminario de Estudos Galegos tivo un papel fundamental, centrado en tres grandes tarefas: a divulgación cultural, a política e a científica. Pontón indicou que “a mellor homenaxe que lle podemos render hoxe é facer realidade os seus proxectos, converter os seus ideais en feitos, que Galiza dea un grande salto adiante, cara á modernidade, cara ao benestar e cara á liberdade”.
Isto tradúcese “nun avance que só pode ser posíbel impulsando o cambio galego, abrindo unha nova etapa que permita superar 14 anos de gobernos do PP, e iniciando un horizonte de esperanza para construír un país con memoria, que restaure a obra do Seminario” indicou a líder do Bloque. Pontón aproveitou a ocasión para anunciar que o BNG levará ao Parlamento galego unha proposta para restaurar o nome orixinario do “Seminario de Estudos Galegos”, solicitar a devolución a Galiza dos bens incautados e que se desenvolva un plan de recuperación dos fondos, coa unificación nun espazo único e o acceso público.
“Desde o BNG queremos recoller ese legado vangardista e científico que representou o Seminario de Estudos Galegos, como inspiración da Galiza que queremos construír liderando o goberno do cambio que cada vez está máis cerca de ser unha realidade”, subliñou. A portavoz nacional anunciou que “impulsar a ciencia e a innovación será un elemento central dun goberno liderado polo BNG, do goberno do cambio galego que aspiro a presidir”.
Medias do BNG para a ciencia e a innovación
En relación a isto, puxo o foco sobre varias medidas que se incorporarán ao programa de goberno do BNG, “concretas, ambiciosas e realistas”. A primeira delas céntrase en definir a carreira investigadora para conseguir eliminar a precariedade da ciencia. A segunda baséase en poñer en marcha un “Pacto galego pola ciencia” con todas a partes implicadas, con todos os axentes que interveñen no ecosistema científico e con recursos suficientes.
Tras catorce anos de goberno, o PP deixa Galiza á cola en investimento en ciencia e innovación. Pouco máis do 1% do PIB, por debaixo da media estatal (1,4%); menos da metade que Euskadi (2,3%); e a anos luz do que invisten en ciencia e innovación países como Suecia, Alemaña ou Bélxica.
A última delas consiste na creación do INNOGAL, “unha entidade similar ao IKERBASQUE (Euskadi) ou ao ICREA (Cataluña), cuxa principal función sexa captar e reter talento científico”, explicou Pontón. “Galiza ten que converterse nunha referencia científica pero para iso precisa un goberno que aposte pola ciencia como unha ferramenta fundamental de futuro. Ese goberno a favor da ciencia, a favor dos nosos investigadores e investigadoras, é o goberno do cambio galego que aspiro a presidir” declarou.
Solidariedade co pobo palestino
A portavoz nacional destacou que “outra das grandes apostas do Seminario de Estudos Galego foi a defensa da solidariedade internacional e a paz”. Cualificou de “urxente” denunciar a situación límite que se está vivindo na franxa de Gaza e amosou a solidariedade do BNG co pobo palestino.
“A comunidade internacional non pode mirar cara outro lado cando o estado de Israel prevé un ataque indiscriminado contra a poboación civil de Gaza, que na práctica é un xenocidio contra o pobo palestino”, lamentou. Ademais, quixo fixar a súa opinión con respecto á posición da UE, que cualificou de “vergoñenta” por “posicionarse do lado de Israel, alimentando a escalada do conflito e converténdose en cómplices”.
Neste sentido, Pontón demandoulle ao Estado español que “se desmarque desa posición belicista e que reclame ás institucións europeas que traballen pola paz e non pola guerra”.
“Estamos ante unha situación gravísima é urxente que a comunidade internacional demande un alto o fogo permanente, apostando por unha Conferencia de Paz que inclúa a creación dun Estado palestino, como veñen reclamando as diferentes resolucións da ONU. Este é o único camiño que pode traer unha solución duradeira que poña fin a tanto sufrimento e inxustiza” concluíu.
A importancia do traballo das mulleres
Aínda que Pontón quixo poñer en valor o traballo de Alexandre Bóveda, Lois Tobío, Ricardo Carballo Calero, Valentín Paz Andrade e Vicente Risco ao ter asinado o “Anteproxecto para o estatuto galego” en 1931, tamén quixo poñer en valor nun día coma este ás mulleres, que foron protagonistas daquelas dúas décadas prodixiosas das Irmandades, do Seminario, do grupo Nós e do Partigo Galeguista.
“Como o relato patriarcal as deixou relegadas no anonimato, nas marxes da historia, quero reivindicar hoxe aquí, e chamalas polo seu nome, as mulleres que fixeron posíbel esa grande mobilización, desde a política, desde as aulas, desde a ciencia, desde o deporte, desde o asociacionismo cultural e feminista” declarou, homenaxeando ás irmandiñas Amparo López Jean, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Mari Luz Morales, Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, Ernestina Otero, Emilia Docet, María Antonia Sanjurjo; e ás colaboradorase integrantes do Seminario de Estudos Galegos Carmen Sierra, Dolores Lorenzo, Amparo Arango, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana, Carmen Rey, Luisa Cuesta, Josefa Iglesias, Sara Leirós e Celsa Pérez Moreiras.
“Neste firmamento feminino brilla con luz propia unha muller excepcional, que merece a homenaxe do pobo galego: a filóloga alemá Margot Sponer”, recalcou a líder do Bloque. Sponer foi colaboradora do Seminario de Estudos Galegos, estudosa do galego medieval -sobre o que presenta a súa tese en 1935-, combatente antifascista e asasinada polos nazis en 1945. “Sempre no noso corazón e na nosa memoria”, concluíu Pontón.