Galegas 2024

Ana Pontón avanza un impulso á saúde mental dotando a atención primaria galega de servizo de psicoloxía clínica

José Berdullas, Ana Pontón e Melania Cruz
José Berdullas, Ana Pontón e Melania Cruz

Galiza está á cabeza en taxa de suicidios e o 23% da poboación ten un problema de saúde mental crónica. “Non podemos dar isto por normal”, advirte a candidata

Comprométese a investir en saúde mental o 10% do orzamento total de sanidade, en torno aos 500 millóns de euros ao longo da lexislatura, seguindo as recomendacións da OMS

 

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo  un encontro-coloquio sobre a situación actual da saúde mental xunto á actriz galega Melania Cruz, que compartiu en primeira persoa a súa experiencia, e o psicólogo clínico José Berdullas, que expuxo o seu punto de vista como profesional.

Este foi o contexto que Pontón escolleu para avanzar o programa de goberno co que o BNG quérelle facer fronte ao que cualificou como “a gran pandemia do século XXI”, un programa que inclúe como un dos principais compromisos a dotación de maneira progresiva de psicólogos e psicólogas clínicas aos centros de saúde, tendo en conta que o 30% das súas consultas están relacionadas coa saúde mental.

Igualmente, a candidata avanzou que o programa de goberno inclúe incorporar psicólogos e psicólogas nos centros educativos, para que podan detectar e atender os problemas nesta materia entre a poboación adolescente.

“A saúde mental non pode depender da conta bancaria de cada persoa, de se tes ou non cartos para pagar un psicólogo ou un psiquiatra”, advertiu a candidata do BNG, que se comprometeu tamén a dotar á saúde mental dos recursos financeiros suficientes, ata chegar no final da lexislatura ao 10% do orzamento total destinado a sanidade, seguindo a recomendación da Organización Mundial da Saúde. O investimento acadaría así os 500 millóns de euros, tomando como referencia os orzamentos de 2024.    

A candidata nacionalista garantiu que se ten a confianza para ser presidenta vai poñer a saúde mental  “no centro do sistema público de saúde” para atender ás miles de persoas que hoxe están pedindo axuda e que non atopan a resposta que precisan na rede do Sergas. Na actualidade, denunciou, a saúde mental é “a parte máis esquecida da nosa sanidade pública”, pese a que afecta cada día a máis persoas.

De feito, Galicia rexistra a segunda maior taxa de suicidios do Estado (331 en 2021) e que lidera o consumo en psicofármacos, datos que puxo de relevancia para facer ver que, pese á dimensión e a gravidade deste tipo de doenzas no País, o Goberno do PP “leva quince anos mirando para outro lado”, cun sistema público que sofre neste eido falta de profesionais, orzamento e servizos.  

“Miles de persoas están pedindo axuda, lanzando un SOS, e temos a obriga de atendelos”, considerou, para avanzar a continuación que no que se refire ao persoal, o programa do BNG asume como reto achegarse gradualmente cando menos á media da UE en canto a número de psicólogos e psicólogas clínicas, 12 por cada 100.000 habitantes, fronte aos 5,2 que existen na actualidade no Sergas. “Estamos á cola en número de psicólogos. Hai 9.000 persoas esperando por unha primeira consulta en psiquiátrica e un 23 % da poboación ten un problema de saúde mental crónico”, denunciou a portavoz nacional. “Non podemos dar isto por normal”, incidiu.

Unidades específicas para a infancia

O programa de goberno tamén inclúe unidades específicas de saúde mental para a infancia e a adolescencia en todas as áreas sanitarias e a posta en marcha de programas de prevención do suicidio tanto nos grandes hospitais como nos comarcais.

Outra das patas do plan co que o BNG quere mellorar a atención á saúde mental pasa pola coordinación entre o sistema sanitario e o educativo, por ser este un ámbito no que se detectan moitas situacións que derivan en problemas desta índole entre a xente moza.  No mesmo sentido, para mellorar a atención ás persoas maiores, a coordinación entre o sistema sanitario e os servizos sociais será outro dos eixos do plan presentado esta mañá por Pontón como un dos seus compromisos para un goberno “con ideas e propostas claras”.

Meses agardando pola primeira consulta

Durante o coloquio, a actriz Melania Cruz trasladou a súa experiencia persoal e explicou que, no seu caso, “era inviable” contar con axuda psicolóxica dende a sanidade pública porque, segundo advertiu, “cando tes unha lista de espera igual de sete ou oito meses para que che faciliten unha primeira consulta e ti precisas axuda inmediata, non podes dispoñer dela”.

“Sempre penso en todas esas persoas que non teñen nese momento a capacidade económica suficiente como para poder permitirse acudir a unha consulta privada”, reflexionou a actriz galega.

Neste sentido, o psicólogo José Berdullas recordou que a atención á saúde mental é tamén un dereito que non pode depender da situación económica de cada un, polo que considerou urxente darlle un “impulso inmediato” á saúde mental. Hoxe, explicou, Galiza segue nun 20% por debaixo do que xa tiña que ter a nosa sanidade en 1997.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG