O Consello Nacional aprobou o programa electoral e a candidatura do BNG para os comicios europeos, lista que volve encabezar a até agora eurodeputada Ana Miranda, acompañada por un conxunto de homes e mulleres comprometidas co País do ámbito da economía, dos movementos sociais, da cultura ou dos sectores produtivos máis afectados polas políticas da UE.
Como número dous, Bieito Lobeira, membro da Executiva e bo coñecedor do sector pesqueiro; de número tres, Mar Pérez, profesora da USC; como número catro, Rogelio Santos, mariñeiro e divulgador; seguido de Miriam Opazo, creadora audiovisual, e de Roberto Pascual, director artístico da Mostra de Teatro de Ribadavia. Completan a candidatura Keina Espiñeira, Artai Gavilanes, Antía Maneiro, Fernando Camino, Pilar Vázquez e Kevin González.
Na súa intervención, a portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor o traballo realizado por Miranda en Bruxelas en defensa dos intereses de Galiza, “o mellor aval” para pedir a confianza da cidadanía o 9 de xuño, e anticipou unha campaña “cen por cen galega” centrada nos problemas reais da xente, cun obxectivo moi claro: que Galiza teña un escano de país da man do BNG.
“O escano do BNG foi o escano do pobo galego e así o seguirá sendo con máis forza a partir do 9X, ese é o noso obxectivo porque Galiza precisa ter voz propia en Europa para facerse escoitar, para negociar, para defender os nosos sectores produtivos, á xente do mar e do rural, o noso medio ambiente e territorio, para defender o avance dos dereitos sociais da clase traballadora”, argumentou na súa intervención ante o Consello Nacional.
Pontón recalcou que fronte a “discursos importados” que nada interesan nin nada resolven, o BNG vai falar na campaña dos problemas reais da xente, “do que lles preocupa ás gandeiras que sacan adiante as súas explotacións leiteiras; dos produtores de pataca da Limia ou de Bergantiños; dos mariñeiros afectados polos recortes das cotas de pesca; das mariscadoras que soportan a perda de produtividade das nosas rías; dos viticultores afectados pola PAC”.
Neste sentido, a portavoz nacional instou a non caer na trampa dun Partido Popular máis ultra que nunca que, augurou, vai repetir a mesma campaña sucia do 18F, “a mesma estratexia da mentira, do insulto e da crispación; e non temos ningunha dúbida de que volverá usar a TVG, -a televisión pública-, como ferramenta de manipulación e desinformación ao servizo do PP”.
En Galiza, recalcou, “coñecemos moi ben as campañas sucias do PP as súas tácticas destrutivas baseadas na difamación, no insulto e na descualificación persoal, sen importarlle saltar todas as liñas vermellas con tal de facerse co poder, porque no PP son expertos no xogo sucio e entenden a política como un medio para ocupar as institucións”, alegou.
Por iso, o BNG non vai entrar na súa estratexia, subliñou, “porque entendemos a política como ferramenta para mellorar a vida das persoas e fronte a un PP empeñado en enlamar o debate, o BNG falará de pesca, do prezo do leite, de como ter un rural vivo; fronte a un PP instalado no insulto e na mentira; o BNG falará da rexeneración das nosas rías, de cambio climático, do futuro da xente moza; fronte a un PP sen alternativas, o BNG falará das nosas propostas para defender os intereses de Galiza en Europa”, recalcou.
Pontón contrapuxo o traballo a favor de Galiza levado a cabo por Miranda cun Goberno de Rueda que só demostrou incapacidade política e mesmo desleixo para defender os intereses do País ante as institucións europeas, incluso votando en contra de propostas do Bloque importantes para mellorar a vida da xente.
Grazas ao BNG, en Bruxelas falouse da frota pesqueira, do sector leiteiro, do saneamento das rías, da emigración da xente moza; da fuga de talento investigador, do abandono do rural; do corredor atlántico, da eurorrexión Galiza Norte de Portugal. Da man de Miranda abordouse na Eurocámara un modelo enerxético alternativo ao espolio eólico; a rexeneración democrática e a memoria histórica, a defensa dos servizos públicos e a situación da nosa lingua.
Ter voz propia na UE
“Por iso é tan importante seguir contando cunha voz propia en Europa, que só se deba ós galegos e ás galegas e teño a seguridade de que despois do resultado histórico do 18F imos conseguir darlle a Galiza un escano galego con máis forza, un escano de País”, proclamou.
A portavoz nacional destacou que o escano do BNG tamén serve para axudar a construír unha Europa dos pobos, que lonxe de actuar como “satélite” e mera comparsa de Estados Unidos e da OTAN, defenda un mundo máis libre, máis xusto e en paz. “Empezando por deixar atrás o seu vergoñento papel ante o xenocidio do pobo palestino. Basta xa! Europa ten que ir máis aló de mornas declaracións e traballar activamente pola paz en Palestina, en Ucraína e ante todas as guerras”.
O BNG sempre foi moi crítico con esta Unión Europea, indicou, pero para construír unha alternativa “hai que estar en Bruxelas con toda a forza que nos dean as urnas, estar alí con voz propia para defender, como sempre fixemos, outra Europa posible: a favor da maioría social, da clase traballadora, das mulleres e para darlle futuro á xente moza”, concluíu.
A cabeza de lista e até agora eurodeputada, Ana Miranda, foi nesta lexislatura vicepresidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara, membro das comisións de Pesca, de Política de Cohesión e de Dereitos Humanos desde as que desenvolveu un intenso traballo en defensa de Galiza con numerosas iniciativas sobre os sectores produtivos, para a preservación do territorio e a favor dos dereitos socias e liberdades. Defensora da paz e do internacionalismo, tivo un papel moi activo na denuncia do xenocidio en Gaza e polo Pobo Palestino así como ante outros conflicto bélicos reclamando sempre un papel activo da UE a favor da paz.