Galegas 2020

Ana Pontón asume a construción dun novo centro escolar no Milladoiro porque é un equipamento necesario que demanda a veciñanza

Ames
Ames
Asegura que Ames terá un aliado nun goberno da Xunta liderado polo BNG para darlle novas infraestruturas educativas a un municipio con moita poboación nova

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, desprazouse até o concello de Ames onde visitou co tenente de alcalde, David Santomil, os terreos cedidos polo goberno local á Xunta para a construción dun novo centro educativo en Milladoiro, unha infraestrutura longamente demandada pola veciñanza.

O meu compromiso, se a partir do 12 de xullo teño a responsabilidade de liderar o goberno de Galiza, é traballar para que Ames teña as instalacións educativas que demandan as familias, a comunidade escolar e o propio concello, facer o posible para que sexa unha realidade o antes posible. Vimos durante a crise do coronavirus o importante que é ter un sistema educativo público forte e temos a oportunidade de empezar a educación do futuro con centros post COVID19, con centros acaídos para os novos tempos”, explicou Pontón.

“A mellor inversión que podemos facer como sociedade é na educación dos nenos e das nenas e desde o concello de Ames os meus compañeiros e compañeiras levan moito tempo traballando nesa dirección e desde logo o meu compromiso é que van ter un aliado no Goberno da Xunta liderado polo BNG”, indicou Pontón.

Ames precisa equipamentos educativos “á altura do século XXI porque estamos nun dos concellos máis dinámicos e con maior vitalidade demográfica de todo o país, con moita poboación e infantil e xuvenil, e hoxe os centros escolares dos que dispón o municipio están saturados e mesmo non cumpren moitos do estándares que se requiren”, indicou Pontón, “desde logo no BNG pensamos que hai que facer unha aposta estratéxica pola educación e iso pasa por ter unhas infraestruturas educativas modernas”.

Santomil explicou que, tras un longo traballo de xestión urbanística, o concello ven de poñer unha parcela a disposición da Xunta “para construír un novo colexio no Milladoiro que é unha das principais demandas, porque os centros actuais están saturación e estou seguro que cun goberno galego liderado polo BNG teremos o apoio que precisamos para sacar adiante canto antes este equipamento que tanto necesitamos”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG