A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou, “desde a ilusión”, a todas as persoas que non teñen decidido o seu voto para que aposten por facer Galiza decisiva na política do Estado da man do BNG. E fixo un chamamento á mobilización para sumar votos a un BNG en remontada que está disputando escanos á dereita españolista en Coruña e Pontevedra.
“Dígovos que imos a subir, que estamos en remontada e quero dirixirme especialmente a todas esas persoas que non teñen decidido o seu voto, dígolles que o BNG é a opción para defender Galiza e frear a unha dereita tirada ao monte. Porque o último escano por Pontevedra e pola Coruña estámolos disputando cunha desas patas da dereita de Colón. Por iso, para que ter voz en Madrid e para frear un goberno das dereitas, en Galiza a papeleta útil é a do BNG”, salientou.
Durante o mitín en Narón, Pontón recalcou que o 28A confirmará a “onda de simpatía” cara o Bloque superando as enquisas: “Esta é a nosa oportunidade Ana, desta vai, é o que me din cada día máis persoas que están fartas de que as forzas estatais veñan coller os votos para despois tratarnos como cidadáns de segunda. Imos ir a por todas para cambiar iso, porque é o momento de Galiza, é o momento do BNG”.
Sen maiorías absolutas, destacou, os votos dos deputados e deputadas nacionalistas van determinar a política do Estado a favor da xente deste país. E puxo exemplos.
Para empezar, que as forzas estatais deixen de discriminar a comarca de Ferrolterra e da Coruña con medidas que poñen en risco miles de empregos.
Como fixeron vetando a tarifa eléctrica galega e aprobando unha normativa enerxética que converte o custe da electricidade nun lastre para as empresas electrointensivas como ALCOA, nun país produtor neto de enerxía. E tamén por non tomar medidas contra a deslocalización que, no caso de Poligal, pon na picota máis de cen empregos despois de que a empresa recibise axudas públicas.
Un BNG decisivo na política de Estado a partir do 28A porá en marcha unha tarifa eléctrica galega e un marco estable para ás electrointensivas, así como a obrigatoriedade de que as axudas públicas se vinculen ao mantemento do emprego, indicou a portavoz nacional. Non serán as únicas medidas que os e as deputadas nacionalistas defendan desde o Congreso sen maiorías absolutas.
E outra discriminación do PP e do PSOE na comarca de Ferrol é tamén “derivar carga de traballo dos estaleiros galegos de Navantia a Andalucía”, criticou, nun concurrido mitin de 300 persoas coa candidata á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo.
“Imos tirar abaixo moitos muros, un deles o da AP9, porque un BNG decisivo na política do Estado demostrará que si é posible conseguir a transferencia da AP9 que nos negaron PP e PSOE, faremos que os votos dos e das galegas sirvan para acabar coa estafa das peaxes que é un roubo legalizado desde o BOE”, alegou, demostrando a forza que poden ter os votos sen ataduras para defender Galiza.
“O PNV acaba de demostrar a importancia de ter unha forza política propia que defenda os intereses da súa cidadanía conseguindo para Euskadi en 24 horas a transferencia da AP68. Iso faremos a partir do 28A con Galiza”, proclamou. AVE, financiamento, orzamentos do Estado, espolio enerxético con miles de empregos en risco nun país que é potencia eléctrica foron cuestións claves citadas pola líder do Bloque para denunciar a discriminación das forzas estatais.
Para poñerlle fin, “temos que levar esta corrente de simpatía cara o BNG a cantos máis sitios mellor, saír a rúa estes días de campaña, petar no corazón da xente, cun sorriso, con ilusión, coa man tendida para dicirlle a todas esas persoas que botaron de menos a voz nacionalista no Congreso, que poden contar con BNG, para defender o seu futuro e para frear a involución que nos quere levar ao pasado”, concluíu.